12 de xul. de 2025

A GUARDA

As comunidades de montes da Guarda e Salcidos desmenten a desaparición das esculturas e denuncian manipulación informativa 






Infogauda / A Guarda

 Na tarde deste sábado, día 12 de xullo de 2025, na redacción deste xornal dixital transfronteirizo, recibimos a seguinte nota de prensa, que reproducimos literalmente:

As comunidades de montes da Guarda e Salcidos desmenten a desaparición das esculturas e denuncian manipulación informativa 

 Nun comunicado conxunto, as comunidades de montes veciñais en man común de A Guarda e Salcidos desmenten a información na que se denuncia a suposta desaparición de tres esculturas vinculadas ao Camiño Portugués da Costa. Esta afirmación é completamente falsa, e forma parte dunha campaña de manipulación promovida por persoas con intereses persoais e vendettas. 

 As esculturas non desapareceron nin foron trasladadas sen control. Son un total de nove esculturas que se atopan baixo custodia das comunidades de montes, algunhas delas no mesmo local compartido co Concello e que está sendo reorganizado para outros usos. Das tres esculturas citadas, dúas seguen no mesmo lugar, e a terceira está igualmente localizada. 

 O máis grave é que o paradeiro exacto destas esculturas é perfectamente coñecido pola entidade denunciante, a Asociación Veciñal Alameda. Trátase, polo tanto, dunha acusación falsa realizada con plena conciencia e que non se axusta á realidade, o que supón unha grave irresponsabilidade e unha tentativa deliberada de difamar e intoxicar a opinión pública. 

 Cómpre salientar que a Asociación Veciñal Alameda está directamente relacionada co anterior presidente da Comunidade de Montes de A Guarda, quen deixou a entidade nunha situación crítica: contas embargadas, débedas de decenas de miles de euros, desaparición de maquinaria e total opacidade na xestión económica, feitos [que] están sendo auditados, con probas documentadas en curso. 

 Cómpre lembrar que o proxecto das esculturas naceu no marco da Asociación Veciñal e Cultural das Parroquias da Guarda, que integraba ás tres comunidades de montes e coa que se organizou a “Festa Castrexa”. Sen embargo, tanto Camposancos como Salcidos romperon relacións coa asociación nos seus primeiros anos de vida, denunciando manobras económicas irregulares, cobros sen facturas e movementos bancarios irregulares por parte da mesma persoa que agora promove acusacións infundadas. 

 Non só se trata de esculturas: tamén foron construídos tres churrasqueiros co financiamento común, dos cales o expresidente se apropiou sen autorización, apropiación que esiximos que cese de inmediato devolvendo os bens ás entidades ás que lles pertencen. 

 As comunidades deixan claro que non teñen ningún interese en apropiarse de bens alleos, pero, dado o historial de fraude, ocultación e falta de rendición de contas que rodea a esta persoa, as esculturas permanecerán en custodia segura ata que se presente documentación xustificativa oficial. E, de ser o caso, serán entregadas unicamente ao Concello de A Guarda, non a asociacións privadas nin a particulares cun historial de opacidade na súa xestión. 

 As comunidades de montes asinantes lamentan que se utilicen medios de comunicación para verter falsas acusacións, con clara intención de desacreditar a xestión comunal. 

Asinado: 

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda  

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos 

Ningún comentario:

Publicar un comentario