24 de xuño de 2025

VIGO

CONCENTRACIÓN 

MACHISTAS FORA DAS INSTITUCIÓNS

  Mércores, 25 de xuño, ás 20:00h, na rúa do Príncipe (Vigo)



Resposta feminista / Vigo

 Desde Resposta feminista facemos eco do chamado do feminismo galego e convocamos este mércores 25 de xuño ás 20:00H, unha concentración fronte a sede do PP en Vigo (Rúa do Príncipe) en protesta polo machismo institucional tras o apoio do goberno galego ao exconselleiro do Mar imputado por agresión sexual. 

MACHISTAS FÓRA DAS INSTITUCIÓNS! 

O FEMINISMO GALEGO DENUNCIA O COMPORTAMENTO MACHISTA DO GOBERNO NO PP NA XUNTA 

 Os colectivos e organizacións feministas asinantes deste manifesto, repudiamos o comportamento de todo o goberno do Partido Popular a fronte da Xunta de Galicia tras coñecer que o Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, foi imputado por un delito de agresión sexual. 

 En maio de 2024 as organizacións feministas galegas manifestábamos nun comunicado o noso rexeitamento a eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade do organigrama do goberno da Xunta, denunciábamos que a pesar das mostras de fortaleza do feminismo galego nos últimos tempos e do clamor social pola necesidade de políticas decididas cara á superación das discriminacións que historicamente se cometeron coas mulleres, non se albiscaban por parte do goberno da Xunta políticas encamiñadas a este fin. 

 Todo o contrario, rexeitábamos a separación da abordaxe da violencia de xénero e a igualdade en dous departamentos diferentes, a Dirección Xeral contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, cando para nós a violencia e a desigualdade eran dúas caras da mesma moeda, manifestando que non se podían poñer en práctica medidas efectivas contra a violencia que non ataquen as desigualdades. Non concordabamos con poñer á fronte da Dirección Xeral contra a violencia a un home, aínda que tivese unha experiencia como xurista. 

 Un ano despois asistimos a un espectáculo mediático protagonizado por cargos de goberno da Xunta, aproveitando a súa situación de poder e control dos medios de comunicación, para apoiar pública e persoalmente a un conselleiro que foi imputado por un delito de agresión sexual contra unha muller. 

 Desde que se coñeceron os feitos, non houbo unha soa mensaxe pública por parte de ningún membro do goberno, nin do Presidente Alfonso Rueda, nin da Consellería de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez, nin de Roberto Barba Alverdro, Director Xeral contra a Violencia de Xénero, manifestando tolerancia cero cos agresores sexuais, esixindo xustiza e reparación para a vítima. 

 Todo o contrario, no canto de facelo, permitiron e alentaron que o conselleiro utilizase o cargo para convocar aos medios de comunicación e puidese espallar impunemente a mensaxe de que foi obxecto dunha denuncia inxustifi cada, e que defendería a súa inocencia sen que houbese nin a máis mínima réplica, saíndo da rolda de prensa entre aplausos e desexos de que se faga xustiza e poidan recuperalo para a vida pública (ou sexa opinando publicamente que estabamos ante unha denuncia falsa dunha muller). 

 O resto do goberno non emitiu nin unha soa declaración facendo mención á necesidade de denunciar as agresións, de condenar a violencia sexual, nin manifestando o apoio á denunciante, senón agradecendo o xesto da dimisión como algo honorable. 

 Lembramos as persoas que nos representan no Parlamento Galego, que foron elixidas como tales, que a violencia de xénero non é un asunto privado, senón un problema estrutural e social que require de posicionamentos sen fisuras e de actuacións firmes. Condenamos a actuación do goberno do PP e esiximos que se sitúen no único lugar posíbel: a carón e da man de quen sufre a violencia, e de fronte a quen realiza as agresións. 

 Precisamente porque acreditamos en que as institucións teñen que dar exemplo, exiximos a inmediata dimisión das persoas que, desde as súas situacións de poder, avalaron e perpetraron a violencia: o Presidente Alfonso Rueda, a Conselleira de Política Social e Igualdade Fabiola García e o Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero Roberto Barba. 

ASINAMOS ESTE MANIFESTO: Marcha Mundial das Mulleres Galiza

Ningún comentario:

Publicar un comentario