A Deputación de Pontevedra destinará a Tui preto de 950.000 euros para financiar integramente a humanización da rúa Coruña
• O deputado provincial Alejandro Lorenzo visitou hoxe o concello onde recordou que o organismo tiña xa comprometidos máis de 712.400 € do Plan EXTRA e anunciou que estes recursos serán complementados con outros 237.500 € do Plan +Provincia que se aprobarán este venres
Infogauda / Tui
O deputado provincial Alejandro Lorenzo acaba de realizar unha visita a Tui onde remarcou que a Deputación de Pontevedra investirá preto de 950.000 euros para financiar integramente a reforma total da rúa Coruña. Lorenzo recordou que o organismo tiña xa comprometidos 712.400 € do Plan Extra para impulsar esta actuación e anunciou que estes recursos serán complementados con outros 237.500 € da liña 1, de investimentos, do Plan +Provincia, que se aprobarán este mesmo venres en Xunta de Goberno.
O deputado provincial deu conta dos traballos que Tui realizará con estes fondos provinciais que permitirán a humanización da rúa Coruña e dos seus anexos. Trátase dunha completa reforma onde os peóns terán prioridade coa dotación dunha plataforma única e percorridos máis accesibles. Ademais da reparación das acometidas con especial énfase na rede de pluviais e saneamento, procederase á reposición do pavimento e á adaptación da sinalización horizontal e vertical, renovarase o equipamento urbano e colocaranse novas luminarias LED. Tamén se dotará dunha rede de emerxencia con acceso a auga e incorporaranse barreiras vexetais con especies arbóreas e plantas decorativas, e os seus respectivos sistemas de rego e drenaxe. A actuación completarase coa remodelación das escaleiras que ascenden á rúa Foxo, creando un xardín vexetal vertical, e coa recuperación patrimonial do peto de ánimas e do cruceiro no lado sur da vía.
Alejandro Lorenzo lembrou que co Plan Extra e co Plan +Provincia "a Deputación de Pontevedra dá resposta ás demandas dos concellos, achegando recursos como nunca antes se fixera para que poidan facer fronte a actuacións que transforman e modernizan as vilas da nosa provincia". Así mesmo, o deputado provincial destacou que cos recursos destes programas "facemos realidade proxectos como o que se vai realizar na rúa Coruña de Tui, que non só melloran a mobilidade peonil con espazos urbanos máis accesibles, senón que garanten unha calidade de vida óptima para a súa veciñanza".
Ningún comentario:
Publicar un comentario