FILATELIA
Abel Losada agradece á Comisión Filatélica do Estado a emisión, durante 2026, dun selo polo 150º aniversario do nacemento de María Vinyals
O subdelegado subliña que a idea partiu da tenente de alcalde de Soutomaior, Silvia Cernadas, e do dirixente veciñal de Ponte Sampaio José Luis López
Foto: S. do G.
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, informa que a Comisión Filatélica do Estado vén de aprobar a solicitude para que Correos emita un selo conmemorativo con motivo do 150º aniversario do nacemento da escritora e precursora do feminismo María Vinyals. O selo está xa incluído na programación de Correos para 2026.
Losada confirmoullo esta mañá á tenente de alcalde e concelleira de Turismo do Concello de Soutomaior, Silvia Cernadas, e ao presidente da asociación de veciños/as Santa María, de Ponte Sampaio, José Luis López Carregal, impulsores desta iniciativa, que o pasado ano solicitaron a axuda do subdelegado.
O subdelegado agradeceu a colaboración do subdirector xeral de Réxime Postal, Rafael Crespo, e da secretaria da Comisión Filatélica do Estado, Nieves García, para autorizar unha proposta que contribúe a poñer en valor a figura dunha muller clave na historia cultural da provincia e de Galicia tanto pola súa traxectoria como pola súa vinculación co castelo de Soutomaior. A Comisión Filatélica é un órgano adscrito ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
Abel Losada engadiu que foi “un honor axudar na medida das súas posibilidades” para unha iniciativa que nace da inquedanza e do activismo cultural de Silvia Cernadas e José Luis López Carregal, “dúas persoas comprometidas coa sociedade como no seu día estivo comprometida María Vinyals”. Cernadas e López Carregal reivindicaron a figura de María Vinyals como icona do feminismo, así como no progreso cultural e social de Galicia.
Este selo vén continuar a difusión da figura histórica de Vinyals, que xa comezou coa creación da Escola de Igualdade María Vinyals na Deputación de Pontevedra no ano 2016, un foro que mantivo unha intensa actividade sempre a prol do pensamento feminista ata o cambio de goberno na Deputación tralas Eleccións Municipais de 2023.
Silvia Cernadas, ademais de tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Turismo en Soutomaior, é escritora e historiadora e tense convertido nunha das principais divulgadoras sobre a historia do castelo de Soutomaior, que foi o elemento central da súa tese doutoral. Foi así como se achegou a María Vinyals, que ten presencia destacada nun dos libros que ten publicado: “As mulleres na historia de Galicia”. Pola súa banda, José Luis López Carregal é ademais coleccionista filatélico e tamén un estudoso da figura de Vinyals.
María Vinyals y Ferrés
María Vinyals y Ferrés naceu en Soutomaior en 1875 e, segundo os datos máis fiables, faleceu en París en 1940, en plena ocupación nazi. Foi escritora, articulista, activista social, feminista e sufraxista. Foi unha das mulleres pioneiras no ingreso na Real Academia Galega, feito producido no ano 1906. A raíz do seu compromiso foi apodada como a “Marquesa Vermella”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario