O Palacete das Mendoza vai acoller a exposición "O Camiño Portugués, por Pepe Varela"
• A mostra do veterano fotógrafo coruñés abre as súas portas na sede de Turismo Rías Baixas o xoves 19 de xuño e poderá visitarse ata o 9 de xullo
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra inaugurará este xoves 19 de xuño ás 19:00 horas no Palacete das Mendoza a exposición "O Camiño Portugués, por Pepe Varela". A mostra, protagonizada por imaxes do veterano fotógrafo coruñés. estará dispoñible ata o 9 de xullo na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas.
Na mostra, Pepe Varela, de 88 anos e cunha traxectoria marcada pola paixón e o talento, invítanos a descubrir o Camiño Portugués a través dos seus ollos, percorrendo este itinerario desde unha perspectiva íntima e emocional. O artista, que dedicou a súa vida a capturar a beleza dos momentos efémeros, amósanos imaxes que van máis alá da paisaxe, retratando a serenidade, a maxia dos detalles e a conexión profunda cos peregrinos. Cada fotografía é un testemuño da súa habilidade para contar historias sen palabras, transmitindo emocións e vivencias únicas a través dunha viaxe visual que celebra a vida, a arte e o espírito do Camiño. Deste xeito, a exposición é unha homenaxe á súa mirada, ao seu legado e ao seu amor pola fotografía, que aínda segue vivo despois de tantos anos.
Os horarios de visita da mostra "O Camiño Portugués, por Pepe Varela" no Palacete das Mendoza serán os seguintes: de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, e os sábados, domingos e festivos de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.
O Plan de Sostibilidade Turística en Destino Condado-Paradanta. Unha terra entre ríos ten como finalidade promover o crecemento equilibrado e impulsar a renovación do sector turístico da comarca e orientalo na dinámica do turismo sostible, mellorando tamén a calidade de vida na contorna. A idea é situar ás persoas no centro da estratexia, potenciando a xeración de oportunidades e a participación cidadá e dos visitantes no desenvolvemento dun novo modelo turístico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario