6 de xuño de 2025

PONTEVEDRA

Seguridade viaria   

Abel Losada felicita ao Subsector de Tráfico pola operación “Platillo” e advirte de que a vixilancia nos polígonos industriais continuará 

Recibe aos responsables e agradécelles o operativo, montado a petición da Subdelegación a raíz de queixas recibidas dende Alcaldías e veciñanza 

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, expresa a súa satisfacción tralo golpe ás “quedadas” no polígono do Campiño-A Reigosa 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, celebrou esta mañá unha xuntanza de coordinación para valorar os resultados da operación “Platillo”
Foto: S. do G.
 

Infogauda / Pontevedra 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, celebrou esta mañá unha xuntanza de coordinación para valorar os resultados da operación “Platillo” no polígono do Campiño-A Reigosa e tamén para preparar os futuros operativos de control sobre as carreiras ilegais e exhibicións que grupos de condutores mozos celebran durante as fins de semana noutros polígonos industriais da provincia. 

 Losada felicitou ao Subsector de Tráfico da Garda Civil pola operación desenvolvida ao longo dos últimos meses no polígono do Campiño-A Reigosa, epicentro destas actividades, e agradeceu a resposta do Corpo trala petición realizada expresamente pola Subdelegación do Goberno, que viña recibindo queixas constantes do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, das empresas e da veciñanza de Marcón. Na xuntanza participaron o capitán Antonio Piteira; o sarxento primeiro Jorge García; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e o propio alcalde caldelán. 

 Os responsables de Tráfico explicaron os pormenores da operación “Platillo”, na que se mobilizou un número importante de axentes durante varias fins de semana e utilizáronse medios técnicos diversos, entre eles un dron da Garda Civil, para documentar tódolos ilícitos e infraccións administrativas ao volante. Froito deste intenso traballo son as 96 denuncias presentadas por condución temeraria, realizar carreiras, condución baixo os efectos das drogas ou o alcol ou exceso de velocidade. Algunhas delas constituirán, ademais, delito contra a seguridade viaria. 

 Abel Losada engadiu que esta operación non é “un feito illado”, senón que terá continuidade tanto no polígono que comparten os concellos de Pontevedra e Ponte Caldelas, senón tamén noutros da provincia “nos que tamén temos queixas e/ou evidencias de que se producen este tipo de “quedadas” entre grupos de condutores mozos para “queimar roda” e realizar todo tipo de imprudencias, como carreiras a toda velocidade”. Non obstante, diferenciou as quedadas no Campiño-A Reigosa, que teñen un compoñente máis espontáneo, das dos outros polígonos, xeralmente convocadas por redes sociais. 

 O subdelegado subliñou que ninguén debe esquecer que estamos a falar de seguridade viaria e que con este tipo de operacións evítanse situacións perigosas e mesmo sálvanse vidas. A este respecto indicou que está documentado que, ocasionalmente, as carreiras ilegais que se realizaban dentro do Campiño-A Reigosa se prolongaban polas estradas próximas, especialmente pola EP-0004.. “Quero agradecer á Garda Civil e á Xefatura de Tráfico este operativo e tamén a colaboración do Concello de Ponte Caldelas”. 

 O alcalde de Ponte Caldelas explicou que viña recibindo queixas das empresas do polígono da Reigosa e agradeceu que se teña traballado “dun xeito tan efectivo” sobre os participantes nas “quedadas”, que en máis dunha ocasión teñen causado danos no polígono e creado situacións de auténtico risco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario