O Rosal énchese de orgullo e diversidade con dous días de reflexión arredor da creación artística
• Co gallo do Día Internacional do Orgullo, o Concello prepara o 26 e 27 de xuño unha programación con faladoiros, proxeccións e coloquios
Infogauda / O Rosal
A vindeira semana, a diversidade será a protagonista no Rosal, para reivindicar que todas as historias e todas as formas de vivir e amar teñan un espazo digno e seguro. Co gallo do Día Internacional do Orgullo, o Concello prepara en colaboración co Proxecto VÍA, unha programación especial os vindeiros 26 e 27 de xuño, unha oferta cultural e de actividades de balde e aberta a toda á cidadanía “para seguir loitando contra os prexuízos, continuar aprendendo, compartir experiencias e fortalecer o noso compromiso coa diversidade e o respecto polas persoas”, como destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Así, os ‘Faladoiros no Xardín’ regresan un ano máis con dous días de encontros abertos arredor da diversidade, os afectos e a creación artística dende unha ollada LGTBIQ+. O mércores 25 a xornada centrarase na diversidade a través do audiovisual e a literatura cun coloquio ás 20.00 horas no que Ánxela Lema París, Branca Trigo Cabaleiro e Pablo Rodríguez abrirán unha conversa sobre corpos, referentes e redes afectivas na literatura galega contemporánea.
Xa ás 22.00 horas, haberá unha exhibición da serie ‘Delirio Sketchs’ coa proxección de tres capítulos desta serie creada dende a disidencia e o humor crítico. Tras a visualización haberá un coloquio con Bea Saián, directora da serie e cofundadora do proxecto CRU, para afondar no proceso creativo, nos temas abordados na obra e na importancia de narrativas audiovisuais diversas.
A programación continuará o xoves 26 de xuño ás 19.30 h co faladoiro ‘Máis que un arco da vella’, unha charla con Sara Uris sobre orgullo, historia e representación LGTBIQ+ na literatura e no cinema.
A rexedora destaca que este tipo de actividades “son clave para seguir construíndo un Concello no que todas as persoas, sexa cal sexa a súa identidade, poidan sentirse respectadas e acompañadas. Queremos un Rosal no que a diversidade sexa celebrada e a discriminación non teña cabida”. Estas actividades, realizadas ao abeiro do programa municipal Revolucionando mentes, están financiadas con fondos do Pacto de Estado do Ministerio de Igualdad.
Ningún comentario:
Publicar un comentario