12 de xuño de 2025

O ROSAL

A Deputación de Pontevedra destinará ao Rosal preto de 274.000 euros para financiar integramente a substitución da cuberta do pavillón municipal 

•  O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña visitou hoxe o concello onde recordou que o organismo tiña xa comprometidos preto de 115.500 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e anunciou que estes recursos serán complementados con outros 158.400 € do Plan +Provincia que se aprobarán este venres 


O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña, coa alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo; e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández Rodríguez, no pavillón municipal do Rosal

Foto: D.PO.

Infogauda / O Rosal

 O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña acaba de realizar unha visita ao Rosal onde remarcou que a Deputación de Pontevedra investirá preto de 274.000 euros para financiar integramente a renovación do pavillón municipal. Almuíña recordou que o organismo tiña xa comprometidos 115.473  € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para impulsar esta actuación e anunciou que estes recursos serán complementados con outros 158.396 € da liña 1, de investimentos, do Plan +Provincia, que se aprobarán este mesmo venres en Xunta de Goberno.  

 O deputado provincial deu conta dos traballos que O Rosal realizará con estes fondos provinciais e que permitirán substituír os cerramentos da cuberta e da fachada, mellorar o sistema de megafonía e incorporar un sistema de ventilación. Máis concretamente, as obras que se van a realizar son a retirada do actual panel de cuberta e de fachada, a limpeza e  pintado da estrutura, e a colocación dos novos cerramentos. Así mesmo, procederase á montaxe do novo sistema de megafonía composto por unha etapa de potencia, oito altofalantes e micrófonos sen fío, entre outros accesorios. Por último, instalarase un sistema de ventilación con catro extractores murais, seis comportas de sobrepresión e un sistema de control da humidade e temperatura entre o interior e o exterior.  

 Jesús Vázquez Almuíña lembrou que co Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e co Plan +Provincia “facemos fronte a aqueles proxectos dos concellos, que doutro xeito non serían posibles, dando resposta ás súas demandas, achegando recursos como nunca antes se fixera, para mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Así mesmo, o deputado provincial destacou que cos recursos destes programas “estamos a impulsar importantes actuacións por toda a xeografía provincial, como a que se vai a realizar no pavillón municipal do Rosal, que transforman e modernizan as nosas vilas e permiten que a nosa extraordinaria provincia vaia a máis”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario