17 de xuño de 2025

O PORRIÑO

A CIG-Industria faise cos cinco representantes do comité en Maier Ferroplast, do Porriño 

  A candidatura da central foi a única que concorreu ás eleccións sindicais 




Infogauda / O Porriño 

 A federación de Industria da CIG de Vigo fíxose de novo coa totalidade da representación no comité de empresa de Maier Ferroplast Sociedad Cooperativa, do Porriño, con sede no polígono da Granxa, e dedicada á fabricación de compoñentes para o sector da automoción. A candidatura da central foi a única que concorreu ao proceso de eleccións sindicais celebrado onte e no que se escollían un total de cinco delegados/as. 

 A CIG-Industria logrou os catro representantes do colexio de especialistas e o único que se escollía entre o persoal técnico e administrativo, obtendo o mesmo resultado que no anterior proceso, celebrado hai catro anos. Nesta ocasión a central sumou 45 votos entre o persoal de taller e seis entre o de oficinas. No proceso participaron 58 das 80 persoas traballadoras coas que conta a empresa, rexistrándose unicamente 7 papeletas en branco. 

 Dende a CIG-Industria valoran moi positivamente o traballo desenvolvido nestes anos pola sección sindical de Maier Ferroplast e agradecen a confianza amosada polo cadro de persoal dunha empresa que está a rexistrar unha elevada conflitividade laboral pola negociación do novo convenio e a inaplicación dalgunhas clásulas do actual por parte da dirección. 

 Ademais, Maier Ferroplast foi a única compañía do sector do automóbil que aplicou un ERTE por forza maior como consecuencia da recente apagada eléctrica que afectou a todo o Estado, decisión que foi impugnada xudicialmente polo comité. A representación sindical tivo que denunciar tamén os incumprimentos en materia de licenzas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario