A CIG-Servizos de Vigo volve á carga contra o acoso e os abusos laborais en Mercadona
• Convoca unha concentración este luns día 23 diante do establecemento da empresa de alimentación en Porto do Molle (Nigrán) ás 11:00 horas
Infogauda / Nigrán
A CIG-Servizos de Vigo volve á carga coa campaña ‘Un segredo a voces’ posta en marcha en agosto do ano pasado contra o modelo de acoso e de abusos laborais implantado en Mercadona. Nesta ocasión desenvolverá unha nova mobilización diante do establecemento de Porto do Molle, en Nigrán, este luns día 23 ás 11:00 horas.
“A falta de respecto, os berros e os insultos, a persecución, o illamento laboral e o acoso telefónico ás persoas traballadoras que se atopan de baixa laboral constitúen situacións de acoso que o persoal de Mercadona padecemos diariamente no noso posto e que xa están denunciadas ante a Inspección de Traballo”, explican dende a representación da CIG na empresa de alimentación.
Estas prácticas responden a unha metodoloxía (‘modelo Mercadona’) que supón unha clara vulneración de dereitos e castigos discrecionais sen datos obxectivos que afectan ao cobro de primas económicas anuais de entre 3.000 e 6.000€ euros, como así o ten denunciado a CIG diante da autoridade laboral nos últimos meses. “O que fan é presionar, coaccionar e dar exemplo disciplinario a terceiras persoas co obxectivo de marcar dentro do grupo quen manda, aínda que iso provoque situacións de humillación pública ante compañeiras/os ou clientes”.
Para a central sindical esta situación require dunha resposta coordinada, “unha resposta na que todas/os os que somos oprimidas e oprimidas/os por parte das nosas responsábeis deamos un golpe na mesa; porque xa abonda de escoitar por parte das coordinadoras se queremos ir por convenio ou por ‘modelo Mercadona’, tendo que escoller entre os dereitos que recolle o convenio ou o que precisamos”.
Esta dicotomía (‘convenio vs modelo’ ou ‘o que che pertence’ vs ‘o que necesitas’) provoca situacións “tan esperpénticas” como perseguir e negar primas a persoas que se acollen a licenzas de coidados de oito semanas por coidado de menor; ou recriminarlle ás persoas traballadoras que gozan dos cinco días de licenza por hospitalización de familiar “porque a empresa di que se a túa nai está ingresada talvez non precisas cinco días, xa que con dous é suficiente”, censuran.
Diante disto, a CIG-Servizos entende que o único xeito de responder ante unha compañía “que opera mediante a chantaxe e a extorsión permanente ao seu persoal” é denunciando dentro da empresa mediante as ferramentas sindicais que a central sindical pon ao dispor das persoas traballadoras; e en segundo lugar, “facendo que estas situacións cheguen aos responsábeis do grupo en Valencia e visibilizando nas rúas o que acontece, porque teñen que saber que Mercadona é unha empresa que vulnera dereitos laborais e persigue o seu persoal até causarlle graves danos psicolóxicos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario