Gardacostas de Galicia incauta 635 cacharros e nasas e devolve 215 quilos de polbo ao mar nun novo operativo contra o furtivismo
• A captura desta especie está prohibida ata o 1 de xullo por atoparse en período de veda co obxectivo de protexer a súa reprodución e garantir unha explotación sostible deste recurso pesqueiro
Infogauda / Galicia
O servizo autonómico de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, continúa desenvolvendo operativos por toda a costa galega para velar polo cumprimento da veda do polbo que está vixente ata o vindeiro 1 de xullo. Un labor que permitiu o pasado luns incautar 634 cacharros e nasas así como a devolución de 215 quilos de polbo ao mar.
Este departamento sinala a importancia de respectar o período de veda que estivo precedido por unha parada biolóxica o pasado mes de abril, co obxectivo de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación sostible deste recurso pesqueiro.
O operativo contou cun amplo despregue de medios marítimos coa participación das patrulleiras Mar de Galicia, Punta Roncadoira, Punta da Guía, a embarcación Valentín Paz Andrade e o buque multipropósito Irmáns García Nodal, o que permitiu actuar nunha ampla área que abarcou desde O Centolo de Ons ata A Guarda. En total foron levantadas 4 actas nas que se recolleron 95 nasas, 10 pezas de rascos e 540 cacharros. Estes novos comisos súmanse aos 6.000 aparellos retirados nos meses de abril e maio así como a devolución de case 1.300 quilos de polbo ao mar.
Desde Gardacostas, sinalan que é moi común que no interior destas nasas e cacharros estean femias ovando, o que exemplifica o risco que supón a actividade furtiva para a conservación desta especie, as cales son devoltas inmediatamente ao mar. O departamento autonómico continuará intensificando as labores e control e vixilancia despregando novos operativos ao longo deste mes de xuño por todo o litoral da comunidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario