11 de xuño de 2025

GALIZA

Quinta xornada de folga por un convenio digno nas residencias privadas de maiores e centros de día 

 As traballadoras denuncian o inmobilismo da patronal e o desinterese da Xunta por este sector esencial


A deste mércores foi a quinta xornada de folga que realizan as traballadoras en resposta ao bloqueo patronal á negociación colectiva e fronte ás pretensións de perpetuar a precariedade e a pobreza laboral
Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 As traballadoras das residencias privadas de maiores e centros de día volveron hoxe e tamén este xoves, á folga para reclamar un convenio colectivo digno con salarios xustos e condicións laborais decentes, que recoñeza o carácter esencial da actividade que realizan. A deste mércores é a quinta xornada de folga que realizan as traballadoras en resposta ao bloqueo patronal á negociación colectiva e fronte ás pretensións de perpetuar a precariedade e a pobreza laboral.

 Como nos paros anteriores, e con todas as dificultades que implican os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta, o persoal quixo levar ás rúas as súas reclamacións con protestas en varias cidades. En Vigo fíxose manifestación entre a residencia Ballesol e a Xunta de Galiza; na Coruña houbo unha actividade deportiva reivindicativa e coincidindo coa hora de inicio da folga, unha ruada pola morte do convenio.

 Unha manifestación-enterro tamén realizaron as traballadoras polas rúas de Carballo; mentres que en Lugo se desenvolveu unha concentración diante da residencia Albertia Servizos Sociosanitarios; e en Santiago de Compostela trasladáronse as mobilizacións até ás portas do Parlamento aproveitando que había pleno.  

Rematar con esta situación inxusta 

 “Toca loitar para rematar con esta situación inxusta”, incidiron as traballadoras en todas as protestas, lembrando que as táboas do convenio xa están por debaixo do SMI, que non se lles cubre o 100% no caso de IT, que realizan longas xornadas con grandes esforzos físicos ou que nin sequera se lles compensa adecuadamente o traballo obrigado en festivos.    

 Por iso, denunciaron o bloqueo no que a patronal ten a negociación do convenio dende o pasado mes de outubro,  tras o rexeite maioritario das asembleas á súa miserenta proposta. Con esta actitude, a patronal condena as traballadoras a seguir perdendo poder adquisitivo e dereitos, mentres se afonda no deterioro da calidade asistencial.

 O secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, censurou o silencio que manteñen tanto a patronal como a Xunta, malia ser a administración responsábel das políticas sociais que se aplican en Galiza. “Parece que a ninguén lle importa nin as condicións das traballadoras nin as condicións nas que se presta a atención nas residencias e centros de día, que cada día se parecen máis a fábricas que a espazos de coidado”, advertiu.

Unha loita común   

As condicións precarias son comúns a toda a actividade de coidados, altamente feminizada e infravalorada, e por iso no día de onte, traballadoras de residencias, centros de día e Servizos de Axuda no Fogar uniron forzas nunha gran mobilización en Compostela, que rematou ás portas do complexo administrativo da Xunta en San Caetano.  

 Alí, traballadoras apuntaron á responsabilidade do Goberno galego e denunciaron as políticas de privatización e mercantilización dos coidados, que consolidan a explotación laboral e o deterioro da calidade asistencial.  

 Despois desta mobilización, valorou Naya, as traballadoras aínda están máis motivadas “e con maior disposición a loitar e a facer as xornadas de folga necesarias até acadar un convenio digno”.

Mobilizacións convocadas para este xoves 12 de xuño 

 Para este xoves, 12 de xuño, está convocada a sexta xornada de folga e as seguintes mobilizacións:  

A Coruña: 12:00h, acto reivindicativo de inauguración e privatización dunha residencia no Cantón Grande, 4. 

Ferrol: 11:00h, marcha dende DomusVi Ferrol. 

Ourense: 11:45h, concentración en DomusVi Pereiro. 

Pontevedra: 11:00h, concentración na residencia DomusVi (r/Loureiro Crespo, 25). 

Santiago de Compostela: 11:00h, concentración na Praza de Galiza. 

Vigo: 11:00h, manifestación dende a residencia DomusVi Fátima (rúa Fátima, 7) até a Xunta. 

Viveiro: 11:00h, concentración na residencia Betania (rúa Benito Galcerán, 5).

Ningún comentario:

Publicar un comentario