30 de xuño de 2025

DEPORTES

PIRAGÜISMO

BRONCE PARA MANU OCHOA, NA COPA DO MUNDO DE PRAGA 

  A súa segunda medalla nas Copas do Mundo deste ano, un logro impresionante


Manuel Ochoa, coa súa medalla de bronce e o trofeo correspondente, que logrou en caiac cross, na 3ª Copa do Mundo de Slálom, disputada na canle de Troja en Praga, na República Checa


Informa (fotos e redacción): Rosa Fernández Carrera 

 Do 27 ao 29 de xuño disputouse a 3ª Copa do Mundo de Slálom. Nesta ocasión na canle de Troja en Praga, na República Checa. Esta proba marca o ecuador das Copas do Mundo, conformada este ano por cinco competicións. Centos de atletas de tódolos países do mundo acudiron a esta terceira cita da liga mundial de slálom. Nesta ocasión, dous dos doce integrantes do equipo nacional eran galegos, e os dous do Club Deportivo Miño-Teixugos, Manuel Ochoa, en caiac cross, e Luís Fernández, en canoa.  


Luís Fernández

 Luís comezou a súa participación o xoves na nova modalidade de carreira curtas, no seu caso en C1. Fixo unha boa baixada, pero quedou lonxe dos doce que pasaban a finais, rematou a proba no trixésimo sétimo lugar.  

 O venres volveu baixar Luís, neste caso en C1, e a cousa non discorreu ben, pois unha penalización nunha das portas deixárono na quincuaxésima posición. Este ano modificouse o regulamento e xa non hai unha segunda oportunidade, polo que Luís volveu quedar fóra de finais.  

 O domingo foi o día para o caiac cross, e para o teixugo Manu Ochoa. Comezou coas probas individuais de contra reloxo. Manu fixo unha boa baixada, rematando undécimo e entrando nas loitas, sendo o único español que o logrou. Gañou a serie de octavos, entrou segundo en cuartos, volveu gañar as semifinais e xa na final nunha baixada durísima e moi axustada entrou terceiro na liña de meta, por detrás do neocelandés Finn Butcher e do checo Martín Rudorfer. Medalla de bronce para o tomiñés, a súa segunda medalla nas Copas do Mundo deste ano, un logro impresionante.  

 As competicións internacionais sofren agora un parón ata finais de agosto, quedando polo medio as competicións nacionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario