20 de xuño de 2025

CULTURA

Rafa Domínguez presenta o programa completo da 32ª Bienal de Arte de Pontevedra, que arranca este venres con Peregrinacolor, do artista francés Patrice Warrener 

•  O vicepresidente provincial remarcou a relevancia desta edición como “un fito cultural de proxección internacional que recupera con forza unha das citas artísticas máis significativas da historia contemporánea da cidade”


O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de presentar no Patio Inglés do Museo de Pontevedra o programa completo da 32ª Bienal de Arte de Pontevedra

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de presentar no Patio Inglés do Museo de Pontevedra o programa completo da 32ª Bienal de Arte de Pontevedra, que arranca este venres con Peregrinacolor, do artista francés Patrice Warrener. Domínguez, quen compareceu en conferencia de prensa xunto co comisario da Bienal, Antón Castro, a comisaria adxunta, Agar Ledo, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, remarcou a relevancia desta edición como “un fito cultural de proxección internacional que recupera con forza unha das citas artísticas máis significativas da historia contemporánea da cidade”. Subliñou, ademais, que a “Bienal sitúa Pontevedra no centro do mapa da arte contemporánea europea, cunha programación ambiciosa, diversa e comprometida co presente”.  

 O arranque a Bienal terá lugar este venres a partir das 23.30 horas con “Peregrinacolor”, unha intervención lumínica e sonora na fachada da igrexa da Virxe Peregrina, a cargo do artista francés Patrice Warrener, unha das figuras máis recoñecidas no eido da iluminación arquitectónica. A súa proposta, que combina cor, luz e simbolismo, estará acompañada pola sesión musical da DJ galega Akazie, nun acto aberto á cidadanía que servirá como preludio do evento cultural máis relevando do ano na provincia.  

 A 32ª Bienal de Arte, que leva por lema “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”, inaugurarase oficialmente este sábado, 21 de xuño, ás 12:00 horas no Museo de Pontevedra, cun acto institucional que contará coa presenza do presidente da Deputación, Luis López, e representantes das principais institucións culturais do país, así como artistas e comisarios participantes. “Trátase de moito máis que unha exposición: é unha declaración de intencións, un acto de cultura, de cidade e de futuro”, remarcou o vicepresidente provincial Rafa Domínguez quen engadiu que “volver celebrar a Bienal é recuperar un espazo de liberdade creativa e recoñecer o talento como motor da provincia”.  

 Nas súas 13 sedes repartidas por Pontevedra –entre elas o Museo, o Sexto Edificio, O Pazo da Cultura, o Edificio Sarmiento, A Casa das Campás, o Café Moderno Afundación ou espazos urbanos– a Bienal ofrecerá o traballo de 60 artistas de 28 nacionalidades, cunha forte presenza de voces femininas e creadoras emerxentes. As obras afondan en cuestións como a guerra, a memoria, a migración, a dor, a empatía ou a crise climática, sempre desde a ollada crítica e poética da arte contemporánea.  

 Completan a programación unha vintena de actividades paralelas –incluíndo cinema, obradoiros, conferencias, performance e artes vivas- que espallarán o espírito da Bienal a outras catro localidades da provincia, Ponteareas, Vigo, Sanxenxo e O Grove; reforzando o carácter descentralizado e expansivo do proxecto.  

 A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, destacou o papel da institución e subliñou que “o Museo non só conserva memoria: nesta Bienal é tamén lugar de futuro, de risco e de novas preguntas. A Bienal achéganos á cidadanía a través da arte contemporánea, e o Museo quere ser o punto de encontro para ese diálogo necesario co noso tempo”. Pola súa banda, o comisario Antón Castro remarcou que “Volver a ser humanos non é só un lema, é unha invitación a repensar a nosa relación co mundo desde a dor, pero tamén desde a esperanza” e engadiu que “esta Bienal é unha cartografía afectiva e crítica dos conflitos do noso tempo, contada a través da obra de artistas que se comprometen coa realidade”.  

 Finalmente, a comisaria adxunta Agar Ledo subliñou que “queremos que a arte se cruce con que non a busca: por iso a Bienal habita pazas, fachadas, edificios e tamén miradas. Traballamos cunha comunidade artística diversa, comprometida e radicalmente contemporánea, que fai visible o que moita veces se quere ocultar”.  

 A Bienal de Arte de Pontevedra celebrarase ata o 21 de setembro e aspira a converterse un referente cultural internacional e nunha ferramenta transformadora para a cidade e a provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario