Nova estrea teatral da man do colectivo FOCO
• Este sábado, 14 de xuño, ás 19:00 horas, no Centro Cultural
Infogauda / A Guarda
Esta semana volveremos ter unha nova estrea teatral. Desta volta virá da man da asociación FOCO, que estreará este sábado, 14 de xuño, ás 19:00h, no Centro Cultural de A Guarda “Inanición. A historia dunha lingua esfomeada”.
Esta obra naceu deste grupo de mozos e mozas da Guarda que decidiron co-crear esta obra tras unha visita inspiradora do escritor e xornalista Carlos Callón, presentando O libro negro da lingua galega, da súa autoría.
“Inanición. A historia dunha lingua esfomeada” encáixase no marco do proxecto europeo de FOCO, Linguas Novas. Os integrantes de FOCO din que “o proceso creativo incluíu investigación, lectura, entrevistas á veciñanza, improvisación e deseño escénico e colaborativo”.
FOCO reflexiona desde o escenario sobre a situación da lingua galega na nosa contorna con esta peza colectiva. O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, convida a todos e todas a acudir a esta estrea, xa que “FOCO destaca pola súa orixinalidade, pois a hai meses presentaba na praza do Reló unha obra interactiva moi diferente e que mostra a creatividade destes mozos e mozas da Guarda”.
Todo un traballo cuxo resultado poderemos desfrutar por primeira vez na nosa vila.
Sobre FOCO
FOCO é unha asociación con sede na Guarda, fundada por persoas procedentes de diferentes ámbitos que pretende facer avanzar no campo da educación non formal mediante proxectos formativos e creativos e iniciativas innovadoras.
Con actividades relacionadas co teatro tentan facer chegar á xente nova os valores democráticos, mais tamén medioambientais, de cooperación e convivencia,...
Ningún comentario:
Publicar un comentario