6 de maio de 2025

O ROSAL

‘O lobo feliz’ chega ao Rosal para troulear coa cativada  

  O ciclo dos Venres Rebuldeiros continúa este 9 de maio, ás 18 horas, na Biblioteca Municipal, cun contacontos cheo de música e humor, con entrada de balde  





Infogauda / O Rosal

 Xa non mandan os lobos feroces... Agora os protagonistas son os que buscan a felicidade ouveando á lúa. Este venres 9 de maio, ás 18.00 horas, na Biblioteca Municipal do Rosal teremos unha nova cita co ciclo dos Venres Rebuldeiros, que desta volta contará con Miguel Guido para facer rir á cativada co seu contacontos musicado ‘O lobo feliz’. 

 A actividade, pensada para crianzas a partir dos 3 anos,  será de balde. Un espectáculo cheo de humor, música e tenrura, no que o propio autor interpreta ao protagonista deste conto que lle dá a volta ao estereotipo do lobo feroz. 

 “Queremos ofrecer alternativas culturais para toda a familia, que ademais transmitan valores positivos e fomenten o gusto pola lectura desde idades temperás”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que convida a veciñanza rosaleira a desfrutar desta nova actividade para toda a familia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario