O Concello de A Guarda acudiu á presentación da Oficina de Economía Circular Municipal
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, con Óscar Alonso - a esq. - e Nico Montes, na presentación da Oficina de Economía Circular Municipal
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O pasado xoves, Óscar Alonso Álvarez, concelleiro de Medio Ambiente e tenente alcalde do Concello de A Guarda, acudiu á presentación en Santiago de Compostela, da Oficina de Economía Circular Municipal, posta en marcha pola Xunta de Galicia.
Desde o goberno municipal indican que "esta oficina supón unha asistencia e apoio aos concellos na xestión de residuos. Deste xeito, acelérase a transición cara un modelo máis sostible e se promoven accións seguindo a xerarquía no tratamento de residuos, dando prioridade á prevención, reutilización e reciclaxe".
Segundo a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, "o traballo da Oficina contribuirá a determinar o grao de cumprimento da normativa vixente dos modelos de xestión implantados nos concellos e favorecerán unha maior concienciación da cidadanía sobre o axeitado tratamento dos residuos.
Ademais promoveranse seminarios, xornadas formativas, obradoiros e foros onde se abordarán materias como a prevención na xeración de refugallos, a compostaxe in situ, a planificación da xestión, a recollida separada, a valorización de residuos ou a loita contra o lixo disperso, entre outras moitas temáticas".

Ningún comentario:
Publicar un comentario