11 de mar. de 2025

TOMIÑO

Tomiño vai acoller o curso “Operacións auxiliares de almacén e atención ao público”, para persoas desempregadas 

• As clases (190 horas) impartiranse na Escola Obradoiro de Goián, nos meses de maio e xuño  

• A formación, impartida pola Fundación Érguete-Integración coa colaboración do Concello de Tomiño, realizarase ao abeiro do programa Emprego Inclusivo, que promove a Deputación de Pontevedra 



Infogauda / Tomiño 

 As instalacións da Escola Obradoiro de Goián (Tomiño) acollerán un curso de “Operacións auxiliares de almacén e atención ao público” dirixido a persoas demandantes de emprego, valorándose especialmente os casos de desempregados de longa duración, persoas perceptoras de prestacións sociais (ou con expediente en Servizos Sociais) e persoas con interese no sector. 

 A formación será impartida por persoal da Fundación Érguete Baixo Miño coa colaboración do Concello de Tomiño, entre o 5 de maio e o 27 de xuño, ao longo de 190 horas, das cales 80 corresponderanse con prácticas en empresas. 

 As clases impartiranse en horario de 09.00 a 14.00 horas e incluirán módulos específicos de atención ao público e almacenaxe; manipulación de alimentos e manexo de carretilla elevadora, ademais de prácticas laborais en empresas da zona. Impartiranse tamén contidos relacionados con competencias transversais para o emprego, igualdade de oportunidades e emprendemento, e o alumnado contará coa posibilidade de recibir orientación laboral e crear un itinerario personalizado de inserción coa guía das profesionais da Fundación Érguete-Integración.  

 Esta formación realizarase ao abeiro do programa Emprego Inclusivo, promovido pola Deputación de Pontevedra, e diríxese a persoas demandantes de emprego ou que desexen mellorar a súa situación laboral, con preferencia daquelas que se atopen empadroadas no concello de Tomiño. 

 O obxectivo principal do programa Emprego Inclusivo é mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social, facilitando a súa incorporación ao mercado de traballo a través do desenvolvemento das súa competencias laborais e persoais. 

 As persoas interesadas en participar poden preinscribirse a través da páxina web do Concello de Tomiño, ou pasar polo Concello. Para máis información, dirixirse ao Concello de Tomiño, chamar por teléfono ao 986 622 001 ou 986 253 176 ou enviar un correo electrónico a: erg.incorpora@gmail.com ou tle@tomino.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario