7 de mar. de 2025

PONTEVEDRA

Luis López salienta que o Plan +Provincia da Deputación mobiliza esta semana 300.000 euros para que tres concellos impulsen investimentos, afronten gasto corrente e contraten persoal 

 Estes novos recursos beneficiarán a Mos, Oia e Salceda de Caselas. O +Provincia destinou xa preto de 9,5 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes


Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, na rodla de prensa deste venres

Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 300.000 euros para que Mos, Oia e Salceda de Caselas impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten a sete persoas ao abeiro das tres primeiras liña do Plan +Provincia 2025. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o goberno provincial segue "avanzando, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos preto de 9,5 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes".  

 Desta maneira, na liña 1, de investimentos, aprobáronse 78.580 euros para que o Concello de Oia poida asumir a achega municipal das obras de reforma da contorna urbana do mercado de abastos, que teñen un orzamento total de 261.935 € e que tamén contan con financiamento da Xunta de Galicia. En concreto, crearanse novos espazos para a cidadanía, entre eles un espazo de xogos infantís, unha terraza exterior aberta, unha zona de centralización e clasificación de residuos ou unha instalación de aparca bicis. Ademais, os traballos inclúen tamén a renovación dos acabados, do mobiliario, das sinalizacións e da iluminación.  

 Para Mos aprobáronse 90.078 euros no marco da liña 2 do +Provincia, que o goberno local empregará no servizo de rozas e de limpeza de cunetas e marxes en camiños municipais. E no marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou 130.412 € para que o Concello de Salceda de Caselas poida contratar sete traballadores que desempeñen as funcións de peóns de xestión de residuos (3), limpadores (2), condutor (1) e bibliotecario (1).

Ningún comentario:

Publicar un comentario