O Xeodestino Galicia Suroeste instalará un observatorio de aves accesible no Concello de O Rosal
• O Concello conta con todas as autorizacións necesarias e neste mesma semana publicarase a licitación da instalación
• O observatorio forma parte dun novo produto turístico do destino centrado na observación sostible da flora e da fauna da contorna baixo o paraugas da accesibilidade universal
Infogauda / O Rosal
O Xeodestino Galicia Suroeste publicará esta mesma semana a licitación para a instalación dun observatorio accesible de aves no concello de O Rosal, que permitirá a práctica de observación tanto de flora como de fauna nas inmediacións da Canosa, en San Miguel de Tabagón.
O Concello ten procedido á aprobación do proxecto, e conta xa coas autorizacións sectoriais necesarias para iniciar a instalación. Está previsto que este novo equipamento poda estar a disposición das persoas usuarias este mesmo semestre.
A intervención localizarase no tramo transfronteirizo do río Miño, un dos territorios de maior interese a nivel europeo en canto a diversidade de hábitats. Inclúe ecosistemas fluviais, de esteiro, litorais e de lagoas. Esta alta diversidade é recoñecida a través da inclusión na Rede Natura 2000, e fai que este espazo de fronteira conte coa maior porcentaxe de áreas clasificadas como protexidas da península Ibérica, e sexa unha das maiores de Europa.
O espazo no que se instalará o elemento de observación e interpretación, conta coa declaración de Zona de Especial Conservación (ZEC), ao albergar tipos de hábitats naturais e especies de flora e fauna de especial valor a escala da Unión Europea. Concretamente actuará na ZEC do Baixo Miño (marxe galego), que xunto á ZEC Rio Minho (marxe portugués) forman unha mesma unidade que en conxunto teñen unha superficie de 7.400 ha; albergan 30 hábitats de Interese Comunitario que acollen múltiples especies incluídas no Anexo II da Directiva Hábitats, sendo denominados os seus hábitats Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) entre os que atopamos, 74 especies de aves, 7 de peixes, 6 de insectos, 5 de mamíferos, 3 de réptiles e 2 de anfibios.
Tamén conta coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), sendo denominada no marxe galego como Esteiro do Miño galego e na marxe portuguesa como Estuario do Minho e Coura, constituíndo entre as dúas marxes unha unidade que alcanza as 5.080 ha que acollen a máis de 60 especies incluídas nos Anexos da Directiva Aves, moitas delas migratorias que especialmente no inverno poden formar grande concentracións de varios millares de limícolas, anátidos e garzas.
O equipamento que se instalará neste espazo de especial valor e gran protección no Rosal, consistirá nunha edificación de madeira tratada para exteriores con autoclave e certificacións. Para a súa instalación non serán afectadas especies vexetativas para non causar impacto ambiental no entorno. Disporá de paneis interpretativos no interior así como normas de uso para as persoas usuarias.
Para acadar a accesibilidade universal, incorporará rampla de aceso cunha pendente inferior ao 8%, entrada de ancho suficiente para que persoas dotadas con elementos que faciliten a súa mobilidade podan acceder, así como espazo interior adecuado para poder practicar a observación, composto por dobre fiestra a dúas alturas, sendo unha delas colocada a modo que permita a observación a persoas que acceden con elementos facilitadores da mobilidade así como con espazo baixo a fiestra para estes elementos.
Este equipamento forma parte dun proxecto máis ambicioso que xa ten iniciado Galicia Suroeste, consistente na creación dun novo produto turístico de observación de flora e fauna da contorna.
Para o seu desenvolvemento, a entidade vén de recibir a finais do mes de febreiro un estudo detallado de hábitats existentes nos 14 concellos que forman parte da entidade, que contempla ademais un inventario de recursos para a observación, así como unha auditoría dos equipamentos construídos nos diferentes concellos. O estudo identifica tamén espazos idóneos para a observación, nos que non é necesario contar cunha edificación, denominados puntos de observación, así como unha proposta de circuíto de observación e sinalización do produto, utilizando as novas tecnoloxías.
Para que as persoas que desexen iniciarse na observación, así como para aquelas que nos visiten para realizar esta practica, que nos últimos anos xurde como unha alternativa dentro do turismo de natureza, Galicia Suroeste planea crear unha guía de observación do territorio que contará con medidas que axuden a acadar a accesibilidade universal, como a creación de radioguías.
Coa execución deste proxecto, enmarcado dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado con Fondos da Unión Europea – Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation, a entidade e os concellos avanzan para acadar un turismo máis sostible e respectuoso co medio, que facilite a accesibilidade universal, e que busca desestacionalizar a actividade turística e redistribuír no territorio os fluxos turísticos para loitar contra a saturación e a masificación de determinadas áreas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario