12 de mar. de 2025

O MORRAZO

CONDENA DE 4 MESES DE PRISIÓN POR AGREDIR A UN TÉCNICO DE EMERXENCIAS DO 061  

 O Xulgado califica os feitos como un delito de atentado á autoridade recollido no código penal, por exercer violencia contra un sanitario na prestación dun servizo público. 


Ambulancia do 061 no servizo de urxencias de Cangas
Foto: CIG

Redacción / O Morrazo

 Os feitos producíronse en marzo de 2023 no Servizo de Urxencias do Centro de Saúde de Cangas. A paciente que estaba a ser atendida golpeou ao sanitario sen motivo aparente aproveitando que este se atopaba de costas. Segundo se recolle nos feitos probados da sentencia, a acusada agrediu ao sanitario que a atendía “coa intención de menoscabar a súa integridade corporal, golpeándoo sen a debida consideración ás funcións que desempeñaba como persoal sanitario”. 

 A sentencia firme ditada onte, contra a que non cabe recurso, condena á paciente a catro meses de prisión, a inhabilitación para o sufraxio pasivo polo mesmo período, ao pago das costas procesais e ao abono dunha indemnización de 250 euros. A acusada puido beneficiarse dunha redución de pena ao aceptar unha condena por conformidade para non ter que chegar a xuízo. 

 Os profesionais do sector destacan que esta sentencia supón un enorme espaldarazo para o persoal Técnico en Emerxencias Sanitarias, xa que servirá como medida disuasoria para que este tipo de agresións non se sigan producindo con total impunidade. 

 Ata o de agora, o máis habitual era que estas condenas se saldasen con pequenas multas como “delito leve de lesións” por mor de que o persoal Técnico en Emerxencias, pese a prestar un servizo público esencial, non está contratado directamente pola administración (faise a través dunha contrata privada) e polo tanto non teñen a condición de funcionarios. 

 O avogado Ignacio Amoedo, de “Valvigo Abogados” foi o encargado da elaboración do recurso que motivou o cambio de consideración de tipo de delito e o que conseguiu finalmente a condena como “delito de atentado a autoridade”. 

 No xulgado de Cangas seguen pendentes de resolución 3 casos de agresión a persoal técnico do 061 por feitos producidos entre os anos 2022 e 2023. Entre eles, atópase o suceso máis grave, onde un Técnico de Emerxencias foi agredido por 3 atacantes ao mesmo tempo. Nesa ocasión, a garda civil tivo que intervir para evitar que continuasen mallando con patadas e puñadas ao sanitario ao tempo que auxiliaba ao persoal do Centro de Saúde que se atopaba parapetado nunha consulta para evitar ser agredido tamén.  

Indefensión total do persoal Técnico de Emerxencias fronte as agresións 

 Os profesionais consultados coinciden de forma unánime en que están totalmente desprotexidos, xa que a pesar de que existe un protocolo de actuación asinado e publicado no DOG, ningunha das empresas en Galiza o está a cumprir. 

 A CIG (sindicato maioritario no sector) vén de solicitar recentemente que se convoque a “mesa de seguimento dos concursos públicos de ambulancias”, comprometido pola Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Sanidade durante a crise coa empresa “Ambulancias do Atlántico” o ano pasado. 

 O sindicato nacionalista denunciou que ningunha das empresas de ambulancias esta a formar ao seu persoal en técnicas de autodefensa nin está a dotar de medios de protección en caso de agresións tal e como se recolle no protocolo. “O persoal de ambulancias non dispón nin tan sequera dun radiotelefono portátil para cada sanitario co que poder comunicarse para pedir auxilio, tendo que compartir un por ambulancia”.  

 Ademais, sinalan que ao non dispoñer de ningunha ferramenta defensivo-disuasoria como chalecos anti-trauma e anti-pinchazos ou cámaras subxectivas, teñen que depender exclusivamente do auxilio das forzas da orde pública, pese a que habitualmente non dispoñen de patrullas dispoñibles. 

 Por último, lamentan que debido a que realizan unha función pública por medio de empresas concesionarias privadas, quedarán fora da lei que a Xunta prometeu reformar para protexer tan só ao seu persoal en caso de agresións. Polo tanto, esixirán que se inclúa ao todo o persoal que depende de empresas privadas entre os que se atopa o persoal de ambulancias, de limpeza ou hospitais privados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario