Presentación do libro O triángulo vermello, de Carme Vidal e Pablo Iglesias
• O venres. 21 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro Goianés
Infogauda / Goián
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño - Condado e Louriña, convida a presentación do libro O triángulo vermello, de Carme Vidal e Pablo Iglesias. O acto - enmarcado no proxecto Recuperando as voces silenciadas - terá lugar este venres, 21 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro Goianés, de Goián, e contarase coas intervencións de Carme Vidal e Pablo Iglesias Núñez.
Sinopse
Mercedes Núñez Targa (Barcelona, 16 de xaneiro de 1911- Vigo, 4 de agosto de 1986), política republicana e militante antifascista, logra sobrevivir ao Cárcere de Ventas franquista e aos campos de concentración nazis de Saarbrücken, Ravensbrück e Leipzig- Schönefeld, e dedicou os últimos anos da súa vida a denunciar a represión sufrida no que foron dous verdadeiros infernos para as mulleres. A súa biografía é unha lección de vida, de solidariedade e compromiso coa liberdade e a xustiza. A súa herdanza, unha vacina contra o fascismo. «O triángullo vermello» é o terceiro título da colección Pequena Memoria - dirixida por Eva Mejuto -, de Edicións Xerais, para recuperar as voces silenciadas da historia. Unha biografía emocional de Mercedes Núñez, loitadora polas liberdades e supervivente do fascismo, a través da mirada inocente do seu fillo Pablo. O libro está ilustrado por Belén Diz Juncal, empregando tan só un modesto bolígrafo.
Autora
Carme Vidal
Carme Vidal, licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación e Xornalismo. Foi redactora no semanario «A Nosa Terra» e formou parte da redacción de «Sermos Galiza». Tamén formou parte da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Como autora, centrouse especialmente en publicacións encamiñadas a recuperar a memoria das mulleres; entre elas, a biografía de Maruxa Mallo ou os estudos biográficos dos libros memorialísticos «Diarios» de Syra Alonso ou «Cárcere de Ventas» de Mercedes Núñez. Publicou tamén «M.ª Luz Morales, a grande dama do xornalismo» e, xunto con David Barro, o libro de entrevistas «Voces de Atlántica». En 2024 publica, xunto con Pablo Iglesias Núñez, o álbum «O triángulo vermello» (Xerais, 2024), dedicado á figura de Mercedes Núñez e ilustrado por Belén Diz Juncal. Os dereitos de autora deste libro van destinados a organizacións de apoio á infancia de Gaza, Palestina.
Autor
Pablo Iglesias Núñez
Pablo Iglesias Núñez (París, 1949) é fillo da política republicana Mercedes Núñez Targa e ten traballado en favor da memoria de todas aquelas persoas que viviron e loitaron durante a guerra civil e que máis tarde sufriron deportación nos campos nazis. Verdadeiro albacea da memoria de Mercedes Núñez, en 2024 publica xunto con Carme Vidal o álbum ilustrado «O triángulo vermello», unha biografía emocional da súa nai, loitadora polas liberdades e supervivente do fascismo. Os dereitos de autor deste libro van destinados a organizacións de apoio á infancia de Gaza, Palestina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario