BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés desembarca en Copa fronte ao Replasa Beti-Onak
• Este venres, 14 de marzo, ás 20.30 horas, no Palau d’Esports de Granollers, disputará o partido de cuartos de final da Copa da Raíña
• As de Ana Cristina Teixeira Seabra poñerán todo do seu parte para pasar de fase ante un rival que debuta nesta recta final da competición
• Ania Ramos recibiu a alta médica este luns e poderá xogar en Granollers. Súmase o reforzo da xogadora sénior de base Ángela Portela
• Pola súa banda, a Minicopa reúne este venres ás cadetes en xornada dobre contra Granollers e Elda
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés encara o soño copeiro. A fase final da XLVI Copa da Raíña comeza hoxe, venres 14 de marzo, no Palau d’Esports de Granollers, cun partido de cuartos de final que enfrontará, ás 20:30 horas, ás de Ana Cristina Teixeira Seabra cun Replasa Beti-Onak que participa por primeira vez na súa historia na recta final da competición. Será o primeiro de tres partidos no próximos tres días que compoñerán o camiño para que, no mellor dos casos, o equipo da Sangriña poida levantar por fin a súa primeira Copa e cumprir o soño de toda A Guarda. Polo demais, cabe destacar cambios importantes na convocatoria: Ania Ramos foi dada de alta da súa lesión na man esquerda e poderá xogar este venres, e incorpórase como reforzo a xogadora de base Ángela Portela.
O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro copeiro despois dunha necesaria semana de parón na liga Guerreiras Iberdrola. Antes dela, o equipo conseguira sumar unha nova e sufrida vitoria en casa fronte a un famento Grafometal A Rioxa (27-25), de maneira que este tempo de descanso foi vital para reflexionar sobre as dificultades daquel último partido, así como para recargar enerxías antes da dura singradura que afrontaría estes días.
E é que as de Ana Cristina Teixeira Seabra saíron este mércores ás 22.00 horas cara a Granollers, onde chegaron o xoves ao mediodía, despois dunhas 15 horas en autobús, paradas incluídas. Unha longa viaxe do que puideron recuperarse a mesma tarde de onte, cunha xornada de descanso antes de saltar á acción no día de hoxe. Ao Mecalia Atlético Guardés espéranlle días moi completos por diante, con intervalos de menos de 24 horas entre partidos para os equipos clasificados en cada eliminatoria. O cansazo é un perigo para todos os participantes, e por iso o equipo da Sangriña chega a Granollers cos deberes feitos e coa seguridade de que a ambición será moito maior que a fatiga.
En canto á convocatoria, hai novidades importantes. Este luns Ania Ramos recibiu a alta médica e atópase xa completamente recuperada da súa fractura no cuarto e quinto metacarpiano da man esquerda, lesión que sufrira no encontro ligueiro do pasado 25 de xaneiro ante o Xixón. Por iso, a extremo esquerdo viaxou a Granollers e estará completamente dispoñible para a Copa, supoñendo unha reincorporación moi importante para o persoal. Ademais, Ana Cristina Teixeira Seabra terá á súa disposición un cambio máis, xa que a adestradora decidiu convocar para a competición copeira á xogadora de base Ángela Portela, que tamén xoga desde a posición de extremo esquerdo.
Pola súa banda, e aínda con todas as armas posibles ao seu favor, o Mecalia Atlético Guardés terá que poñelo todo da súa parte para vencer a cada rival. A pesar da eliminación de importantes contendentes para o título na segunda fase, como Elxe ou Málaga, cada un dos clasificados chegará ao Palau coa mentalidade de que cada partido é unha final e sen intención de perdoar. Para moitos, a vitoria pode supoñer un logro histórico, como é o caso do Replasa Beti-Onak, clasificado por primeira vez en toda a súa historia para esta fase final, e na que se estreará hoxe fronte ás da Guarda. Á ambición das de Villava hai que sumar que a última vez que ambos os conxuntos víronse as caras, no partido de décimo terceira xornada de Liga o 18 de xaneiro na Sangriña, estiveron a piques de arrebatar a vitoria ao Mecalia Atlético Guardés (22-21). A pesar de acumular un percorrido relativamente negativo na competición ligueira, as de Miguel Etxeberria xa saben que son capaces de ofrecer pelexa ante o líder, e ademais, a Copa é outra historia. Calquera equipo pode dar a sorpresa, e este venres, en chan neutro, o Mecalia Atlético Guardés ten a certeza de que non será un partido nada sinxelo. Por todo iso, as de Ana Seabra tirarán do bo xogo que as levou onde están esta tempada, valéndose ademais dunha comitiva guardesa que, como sempre, farase notar desde a bancada do Palau.
Ana Cristina Teixeira Seabra: “Soamente cometendo poucos erros e con moita disciplina poderemos seguir na competición”
A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, define a Copa da Raíña como “unha competición especial”, e explica que o seu equipo está “cheo de ilusións por gañar unha oportunidade máis de participar”. Con respecto ao seu primeiro rival nesta travesía, Replasa Beti-Onak, a técnica considérao un conxunto “que traballa moi ben, que é forte defensivamente e que ten moi claro o que quere facer ofensivamente”.
No Mecalia Atlético Guardés teñen moi en mente aquel partido en casa do pasado mes de xaneiro e todas as dificultades que as de Etxeberria conseguiron xerarlles. Por todo iso, Seabra indica que “temos moito respecto” e apunta que haberá que comezar con bo pé para conseguir gañar ás navarras: “Estando ben, cometendo poucos erros e tendo moita disciplina, porque sabemos que soamente así podemos seguir nesta competición”.
Polo demais, a preparadora do líder é consciente das expectativas que hai sobre as súas. Con todo, e como sempre, Seabra insiste en non subestimar a ningún rival, e repite que a Copa é outra historia. “Aínda non hai favoritos, e por iso teremos que estar moi concentradas para conseguir o resultado que tanto desexamos, que é pasar á semifinal”, sentenciou a adestradora.
As cadetes, dobre xornada na Minicopa contra Granollers e Elda
Este venres tamén comeza a Minicopa, competición paralela á Copa da Raíña na que compiten os equipos de categoría cadete feminina dos clubs clasificados na competición principal. Por iso, a base do Mecalia Atlético Guardés estará presente, e ademais por partida dobre: este venres están previstas as dúas primeiras xornadas minicopeiras, que reunirán ás da Guarda primeiro con KH-7 Granollers (12.00 horas) e despois con Elda Prestixio (18:45 horas), disputando ambos os encontros no pavillón municipal de Canovelles.
A terceira xornada da fase de grupos será para as de María Doiro o sábado pola mañá, contra Lacturale Bera Bera ás 10.30, no pavillón municipal de Lles Franqueses. Por último, no caso de que as da Sangriña coróense como líderes do grupo A, disputarían a final da competición o domingo ás 9.15 horas no Palau.
AXENDA XLVI
Copa de S.M. A Raíña
Cuartos de final
Replasa Beti-Onak – Mecalia Atlético Guardés
Venres, 14 de marzo, ás 20:30 horas, no Palau d’Esports de Granollers
Retransmisión:
Minicopa da Raíña 2025
Primeira xornada fase de grupos
Mecalia Atlético Guardés – KH-7 Granollers
Venres, 14 de marzo, ás 12:00 horas, no Pavillón Municipal de Canovelles
Minicopa da Raíña 2025
Segunda xornada fase de grupos
Elda Prestixio – Mecalia Atlético Guardés
Venres, 14 de marzo, ás 18:45 horas, no Pavillón Municipal de Canovelles
Ningún comentario:
Publicar un comentario