8 de mar. de 2025

CULTURA

Diego Calvo destaca a necesidade de promover e poñer en valor o legado de Torrente Ballester 

 O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu á inauguración da mostra itinerante ‘Gonzalo Torrente Ballester, a travesía dun creador’ en Ferrol


O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe á inauguración da exposición Gonzalo Torrente Ballester, a travesía dun creador
Foto: X.G.

Infogauda / Ferrol

 O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe á inauguración da exposición Gonzalo Torrente Ballester, a travesía dun creador en Ferrol no centro que leva o nome do autor, considerado un dos máis destacados da literatura galega e española do século XX.  

 A mostra itinerante sobre a obra do escritor, comisariada polo académico e profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Darío Villanueva e a profesora de Literatura da Universidade de Vigo Carmen Becerra, inaugurouse o pasado verán en Madrid en Biblioteca Nacional de España e chega agora a Ferrol, onde poderá visitarse no Centro Cultural Torrente Ballester ata o 30 de abril.  

 Co obxectivo de poñer en valor e promover o legado do autor entre o conxunto da sociedade, a exposición fai un percorrido pola súa traxectoria profesional a través de diferentes lugares que foron claves ao longo da súa vida como Ferrol, Pontevedra, Madrid, Estados Unidos ou Salamanca. Deste xeito, Diego Calvo, incidiu na importancia de preservar este legado, “que segue máis vivo e presente que nunca” e difundilo entre as novas xeracións.  

 Cómpre lembrar que a Xunta colabora coa Biblioteca Nacional, o Goberno de Castela e León, o concello de Ferrol e a Fundación Torrente Ballester, nesta exposición que se puxo en marcha o ano pasado, coincidindo co 25 aniversario do pasamento do autor ferrolán. De feito, deste xeito Ferrol pon punto e final ao Ano Torrente Ballester.  

 O conselleiro de Presidencia fixo fincapé na importancia que Galicia e o seu Ferrol natal tiveron na súa obra, así como as referencias á mitoloxía ou ás tradicións orais da comunidade ou o uso do humor e a ironía.  

 Tamén destacou o bo momento que está a vivir a cultura galega e puxo en valor a aposta e o compromiso da Xunta con este sector, tamén no que se refire á divulgación do legado dos escritores máis representativos da cultura galega e, neste caso concreto, formando parte das distintas iniciativas ao redor da figura de Torrente Ballester.

Ningún comentario:

Publicar un comentario