13 de mar. de 2025

A GUARDA

O Concello de A Guarda organiza unha nova saída ao teatro en Santiago de Compostela   

 Para acudir a esta cita cultural, un bus sairá o día 3 de abril, ás 15:00 horas, da rúa Rosalía de Castro (fronte ó Centro Cultural), con previa inscrición

Infogauda / A Guarda 

 O xoves 3 de abril, ás 18:00 horas, as persoas veciñas de A Guarda están convidadas novamente a asistir ao teatro en Santiago de Compostela. Desta volta os asistentes desfrutarán da obra “A Burra, a Mesa e o pau”.  

 Esta obra, dirixida por Lorena Conde, fala sobre o traballo fabril que nos anos 90 invadiu os fogares, contado a través dunha familia de clase obreira. Para iso, válese dun ton de farsa e comedia, pensado para un público maior de 12 anos. 

 As obreiras, nais das futuras obreiras, tenden o pan con chocolate e énchense de dicirlles “hai que traballar para vivir” e tamén “isto era un rei que tiña tres princesas, pechounas en tres artesas e botounas ao mar. Vólvocho contar?.  

 Pero que sucede cando o traballo invade a mesa da cociña e a vida doméstica coma un gramón de raíz ávida e a mesiña dos manxares rompe, e a burra escapa axitando as orellotas e hai que andar atraéndoa con astucias e cenorias? Outro conto terá que comezar...  

 Pois este é o conto de fadas dunha familia obreira galega naqueles tempos nos que era máis doado crerlles os contos ás avoas que as promesas aos patróns.  

 Para acudir a esta cita cultural, un bus sairá ás 15:00 horas, da rúa Rosalía de Castro (fronte ó Centro Cultural), con previa inscrición no seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdTfTN1a9FDKQEj7uQzlwAPoWIcMlg1qaD__cejoShSw7B5kQ/viewform (terán prioridade aquelas persoas que non desfrutaran do programa anteriormente). A actividade ten un custe total de 5€ por persoa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario