A Deputación de Pontevedra é seleccionada por primeira vez no Japan World’s Tourism Film Festival co audiovisual da campaña Cando volves?
• O vídeo foi seleccionado entre máis de 1.100 candidaturas de todo o mundo e inicia así o seu paso polo circuíto internacional de festivais audiovisuais vinculados ao turismo
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de ser seleccionada por primeira vez na historia como finalista no Japan World’s Tourism Film Festival grazas ao audiovisual da campaña turística Cando volves? O vídeo, presentado este mes para atraer visitantes especialmente ao interior da provincia de Pontevedra, foi escollido entre máis de 1.100 candidaturas procedentes de todo o mundo tras recibir unha alta puntuación por parte do xurado e, agora, será considerado á hora de recibir algún premio potencial.
Cando volves? é unha das preto de 60 candidaturas seleccionadas dentro da categoría internacional do festival xaponés, un dos que forman parte do CIFFT (Comité International des Festivals du Film Touristique). O ano pasado o audiovisual da campaña 100% Rías Baixas conseguiu, no marco desde circuíto, recoñecementos por parte do Terres Travel Festival de Tortosa (medalla de prata ao mellor spot turístico) ou nos premios Cannes Corporate Media & TV (onde conseguiu ser finalista).
Cando volves? é unha obra audiovisual na que os lugares do interior da provincia teñen todo o protagonismo, dentro dunha campaña onde tamén se fala da hospitalidade e o carácter acolledor da xente da provincia. A Deputación escolleu este ano o interior de Pontevedra debido a que queda moito da provincia por descubrir, para así convidar a xente a achegarse a el en diferentes ocasións ao longo de todo o ano, tendo tamén en conta que a desestacionalización é un dos obxectivos principais do destino.
Ningún comentario:
Publicar un comentario