5 de feb. de 2025

TOMIÑO

Andrés Sastre, novo valedor transfronteirizo da Eurocidade Cerveira-Tomiño  

•  Comparte cargo con Manuela Ferreira, que continúa ao fronte como valedora por parte de Vila Nova de Cerveira  

 Sastre, experto no mercado de telecomunicacións e economía dixital, comezará a traballar nos problemas de cobertura na área transfronteiriza  


A valedora e o valedor transfronteirizos - a der. -, coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Cámara Municipal de Cerveira, Rui Teixeira
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A Eurocidade Cerveira-Tomiño dá a benvida ao seu novo valedor transfronteirizo, Andrés Sastre Portela, que representará neste cargo a Tomiño e que se sumará ao labor realizado pola representante de Cerveira, María Manuela Ferreira, para seguir traballando e fomentar a cooperación en todos os ámbitos de gobernanza e buscar solucións aos problemas da veciñanza transfronteiriza. 

 Licenciado en Dereito e cun máster de Economía, Sastre Portela afrontará un dos retos máis importantes para a cidadanía da Eurocidade: a mellora das redes de comunicación na área transfronteiriza, especialmente en zonas críticas onde a ausencia de cobertura provoca grandes problemas de illamento á veciñanza. 

 A súa experiencia como consultor sénior en economía dixital e na regulación do mercado das telecomunicacións, é clave para afrontar este reto que dende hai anos xera dificultades entre tomiñeses e tomiñesas. Co foco posto na converxencia tecnolóxica, o novo valedor transfronteirizo traballará para atallar as dificultades de comunicación en Tomiño, que conta con 24 zonas con case 7.000 persoas veciñas empadroadas, onde o servizo está sendo deficitario. Un problema que é especialmente preocupante na zona máis próxima ao río, chegando a haber total ausencia de cobertura. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, destacaron a importancia de contar cun perfil especializado como o de Andrés Sastre, subliñando que “é crucial garantir que todos os nosos veciños e veciñas teñan acceso a un servizo de telecomunicación axeitado, especialmente nunha sociedade cada vez máis dixitalizada”. 

 A Valedoría da Cidadanía Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño é unha figura pioneira de cooperación entre a Galiza e Norte de Portugal, creada en xullo de 2017 que exerce a súa actividade con autonomía e imparcialidade, en relación aos órganos municipais, e sen retribución económica. Teñen como funcións recibir queixas, reclamacións e suxestións relativas ás relacións transfronteirizas entre os dous municipios e emitir informes, recomendacións e suxestións dentro das súas competencias. As persoas interesadas poden contactar ou solicitar cita previa co valedor e valedora da Eurocidade Cerveira-Tomiño, a través do correo electrónico provedora_valedora@eurocidadecerveiratomino.eu , ou ben, nos teléfonos +34 986 622 001 ou 00351 251 708 020, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas (hora galega).

Ningún comentario:

Publicar un comentario