A COLONIA QUE FEDE A MORTE
ESTE MÉRCORES, NO ROSAL, “AILLADOS”
• As inoportunas declaracións do deputado autonómico Jose Luís Ferro avivan o interese por mostrar a cara oculta da fermosa illa de San Simón, declarada hai pouco Lugar da Memoria
Helena Pousa /O Baixo Miño
(da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña)
A illa de San Simón a onde destinaron moitos presos do cárcere do Partido Xudicial de Tui, aparece coa denominación de “colonia penitenciaria” ou “lazareto”, palabras que ocultaban os obxectivos reais do seu uso desde o 36 ao 43. Aínda que algúns non o consideren tecnicamente un “campo de concentración” e non o inclúan entre os lugares concentracionarios franquistas de Galiza (Uris Guisantes e Santidrián Arias: A porta do inferno, 2021), nese lugar resistiron miles de presos, comestos polos piollos e outras pragas nunhas condicións infrahumanas, sometidos a torturas e a traballos forzados. As súas roupas tiñan que metelas en auga a ferver para acabar cos piollos, e a tona da auga quedaba totalmente branca cos milleiros de noxentas lendias afogadas. Así o contan en Aillados, o documental que se vai proxectar este próximo mércores 26 de febreiro, ás 20 h, no Centro Polivalente do Rosal.
As inoportunas declaracións do deputado autonómico Jose Luís Ferro sobre que el non ten “constancia de mortes” nese antigo centro penintenciario, non pasaron desapercibidas e acabaron reproducidas en varios medios de comunicación. Eses comentarios ofensivos, totalmente falsos e ocultadores do que significou San Simón durante moitos anos, lévanos a ter que refrescar a memoria revendo o magnífico documentario de Antonio Caeiro, que contou coa colaboración dos investigadores Juan A. González e Clara María de Saa. Nel aparecen rememorando as súas experiencias varios presos, entrevistados entre os anos 1987 a 1992.
As investigacións históricas falan de preto de 500 mortes. Alí encontraron a morte inxusta moitos que foron fusilados ou paseados. Alí, nese lugar que algúns queren vender como un parque de atraccións, un destino turístico máxico, tamén morreron moitos outros de enfermidades e de fame por non recibiren atención médica. Entre outros, José Márquez Grovas (Lira-Salvaterra) de tuberculose pulmonar, e Feliciano Puente Martínez (Oleiros-Salvaterra) doutra doenza.
Unha parte mínima dos presos que alí estiveron son presos da nosa zona. Encarcerados primeiro en Tui, foron xulgados” en consellos de guerra celebrados en Vigo. Nestes falsos xuízos sentenciáronos a cadea perpetua, un temible castigo que vén sendo o mesmo ca unha condena a morte máis lenta e foron trasladados a San simón.
Para que non os esquezan, cito os seus nomes: Alfonso Gutiérrez (Tui), Avelino Barbosa Pérez (A Guarda), Basilio Carrero Lorenzo, que morre de nefrite crónica (Camposancos-A Guarda), Enrique Ledo Areal (O Porriño), Fernando Paramos Pérez (Guillarei-Tui), Genio (Jenio) Baqueiro Fernández (Budiño - O Porriño), Joaquín Rodríguez Rodríguez (A Guarda), José Rodríguez Ríos (O Porriño), José Rey Rodríguez (O Porriño), José Conde Conde (Barbantes, veciño do Porriño), Juan García Muradáns (O Porriño), Manuel Coto Pazos (Salceda de Caselas), Marcelino Vicente Rodríguez (Tebra - Tomiño), Pedro Rodríguez Pereiro (Mos), Secundino Matos Rocha (Pazos de Reis -Tui), Raimundo Teijeira Rodríguez (O Porriño). E a 20 anos a Luís Martínez López (Ferrol, veciño da Guarda).
Do concello do Rosal foron condenados a cadea perpetua o alcalde José María Alonso Francisco (San Miguel de Tabagón-O Rosal), Rogelio Díaz Pérez (O Rosal), Antonio González Díaz (natural de Portugal, mais veciño de San Miguel de Tabagón), Generoso González Álvarez, que morreu no Hospital de Vigo (Pías-O Rosal), Manuel Martínez sen segundo (natural de Portugal e veciño de Pías-O Rosal), Ángel Villa Vicente. Nos textos acusatorios dos procesos xudiciais, que xa estaban confeccionados previamente, eran culpados de simpatizantes da Fronte Popular, de teren ideas extremistas e a súa filia co réxime comunista ruso. A uns cantos do Rosal acúsanos tamén de levaren explosivos e tentar voar a ponte da Tamuxe. A condena é sempre a mesma: reclusión perpetua acompañada do embargo de todos os seus bens e da inhabilitación perpetua.
Chamoume moito a atención o apelido Kirkpatrick na rúbrica da sentenza de xaneiro de 1937. Este militar, descendente dunha casta de militares con caspa e avoengo, aínda que nacido na Habana (Guillermo Kirkpatrick O’Farril) quizais leve ese apelido dalgún dos militares irlandeses do Rexemento de Hibernia, ao servizo de España na guerra da Independencia. Kirkpatrick, despois de detentar cargos importantes, na II República pasárono á situación de reserva. Mais logo do alzamento militar foi nomeado capitán xeneral de Galicia da 8ª División desde decembro do 36 ata febreiro do 37, e polo tanto responsable da comisión que clasificaba os prisioneiros que debían ser concentrados naqueles lugares designados pola División Orgánica, que estaba na Coruña.
Para non esquecermos, cómpre cada vez máis mostrar ao público e a xentes de todas as idades o que aconteceu no 36. Non queremos que a desmemoria habite as nosas menttes e o negacionismo se permita socialmente, de aí o noso interese en proxectar Aillados, no Rosal, coas imprescindibles aclaracións dun dos investigadores que nel participaron, Juan A. González. Xa era en tempo que recoñecesen a illa de San Simón como un lugar da Memoria. Noraboa ás persoas que levaron adiante esta iniciativa.
Baixo Miño, febreiro de 2025
Ningún comentario:
Publicar un comentario