4 de feb. de 2025

O ROSAL

As mulleres rosaleiras, protagonistas da exposición de Mar Caldas, no Centro Galego de Arte Contemporánea  

•   A exposición ‘Mulleres, traballo e memoria’ rende homenaxe á loita de tres xeracións de mulleres galegas a través dunha reflexión visual sobre a realidade laboral feminina  

   O Concello organizará o vindeiro 22 de marzo unha visita guiada coa propia artista para as participantes e familiares 


Esfolladora de Millo, 2018
Mar Caldas

Infogauda / O Rosal

 O Rosal loita pola súa memoria, e agora, a través da obra de Mar Caldas, volve ser testemuña do traballo e da dignidade das mulleres que construíron a súa historia. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela colle ata o vindeiro 25 de maio a exposición ‘Mulleres, traballo e memoria’, unha mostra que percorre a complexa e profunda obra da artista viguesa e na que as mulleres rosaleiras son grandes protagonistas. 

 A artista, pioneira na práctica da arte feminista en Galicia, propón un percorrido visual por toda a súa traxectoria que invita a reflexionar sobre as loitas das mulleres galegas no eido laboral. A través dunha selección de pezas fotográficas e de vídeo, Caldas logra reconstruír a memoria de mulleres de tres xeracións que loitaron contra os obstáculos impostos pola sociedade.  

 Esta mostra pon en valor ás mulleres rosaleiras, protagonistas de catro cadros de gran formato nos que se recollen as imaxes de nove mulleres. Xunto a isto, un vídeo amplifica a súa representación, mostrando a máis de 90 mulleres que participaron no proxecto ‘Cen por cen contigo’ e outras 27 no de ‘Facedoras’, iniciativas de Mar Caldas que teñen como foco as historias de traballo e vida das mulleres rurais. 

 Ao abeiro das actividades do Mes da Muller no Rosal, o Concello organizará unha visita guiada á exposición o próximo 22 de marzo, especialmente dirixida ás mulleres protagonistas e aos seus familiares, e que será acompañada pola propia artista. Unha oportunidade única para achegarse á obra de Mar Caldas e reflexionar sobre a importancia do recoñecemento do traballo feminino na nosa sociedade.

Conversa de presentación 'Mulleres, traballo e memoria' de Mar Caldas

Ningún comentario:

Publicar un comentario