O BNG pide un transporte digno para o Baixo Miño que cumpra horarios e non deixe tirada á veciñanza por falta de prazas
• Brais Rúanova reclámalle o conselleiro que “deixe de premiar á empresa e prexudicar á cidadanía”, que precisa máis frecuencias e liñas de autobús
Infogauda / O Baixo Miño
Brais Ruanova, deputado do BNG reclamoulle este mércores ao Goberno do PP na Xunta que traballe polo establecemento dun transporte público digno para a comarca do Baixo Miño, onde a veciñanza sofre con frecuencia incumprimentos horarios ou falta de prazas nos autobuses a Vigo.
“Lonxe dos golpes no peito polo incremento de viaxeiras e viaxeiros no transporte colectivo, o que lle pedimos é que poña solucións, que o Goberno galego garanta un servizo esencial como é o transporte no Baixo Miño, que deixe de premiar á empresa e prexudicar á cidadanía”, asegurou o deputado nacionalista dirixíndose ao titular de Presidencia, Xustiza e Transporte, Diego Calvo.
Aproveitando unha pregunta ao conselleiro, Ruanova Vilas-Boas denunciou que desde que a UTE de Lugove xestiona o servizo de transporte público por estrada na comarca os problemas vinculados á calidade do servizo foron en aumento, xerando unha “situación insostible” para as usuarias e usuarios de toda a comarca, que desde 2019 sofren o “incumprimento reiterado” dos horarios. “En moitas ocasións as veciñas e veciños do Baixo Miño agardan horas por un autobús que non da chegado”, subliñou.
Advertiu así mesmo que a miúdo hai “sobrecarga de pasaxeiros”, provocando que, ademais de agardar un tempo excesivo a que chegue o autobús, as persoas usuarias queden finalmente “en terra”.
Problemas que xa teñen provocado centos de queixas de pasaxeiros que “quedan tirados” sen poder viaxar e que piden o reforzo para os traxectos de ida e volta a Vigo e unha nova liña que conecte, por exemplo, os concellos de Oia, Tomiño e Tui, explicou o deputado do BNG, que reprochou a “xordeira permanente” do Goberno do PP, que non quere escoitar á veciñanza.
“Semella que para o Goberno do PP, unha vez adxudicada a concesión remata o exercicio das competencias, convertendo esta concesión nese caramelo do que as empresas adxudicatarias poden chuchar sen ter que cumprir cun servizo público de calidade”, expuxo.
Ruanova aproveitou a pregunta parlamentaria para contrapoñer a “xordeira” do PP ás reivindicacións da xente á actuación na comarca do BNG, presentando mocións en todos os concellos do Baixo Miño para instar á Consellería de Presidencia, Xustiza e Transportes a “tomar cartas no asunto”. Iniciativas que, engadiu, serviron para poñer en evidencia as contradicións no PP, que nuns concellos votou a favor admitindo que co transporte hai un problema, noutros abstívose “poñéndose de perfil” e nalgúns outros votou en contra asegurando que “todo vai fenomenal”.
É por iso que o deputado concluíu asegurando que “o PP non ten nin proxecto, nin vontade nin interese en solucionar as graves problemáticas que padece o transporte público no Baixo Miño”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario