Xunta Local de Seguridade
Abel Losada felicita ao Concello de Gondomar pola súa vontade de incorporarse ao sistema VioGén
O municipio conta con 27 casos activos de violencia de xénero
A delincuencia descendeu en 2024 e consolídase a tendencia de Gondomar como un concello moi seguro
Infogauda / Gondomar
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, felicitou hoxe ao Concello de Gondomar pola súa vontade de incorporarse ao Sistema de Seguimento Integral dos Casos de Violencia de Xénero (VioGén), unha decisión , como explicou o subdelegado, que “reforza o compromiso coa loita contra esta lacra social”. Este paso adiante é posible tras o incremento da dotación de Policía Local nos últimos meses, o que permitirá unha mellor coordinación coa Garda Civil e, polo tanto, optimizar a resposta policial.
Losada copresidiu a Xunta Local de Seguridade xunto co alcalde, Paco Ferreira, unha xuntanza na que participaron mandos da Garda Civil e da Policía Local, así como a xefa da Unidade de Loita contra a Violencia sobre a Muller da Subdelgación, María José Rodríguez.
Actualmente, o municipio conta con 27 casos activos de violencia de xénero, dos que só dous están considerados de risco medio, 16 de risco baixo e 9 sen risco apreciado. Ademais, 13 mulleres dispoñen dunha orde de protección e 10 teñen o teléfono Atenpro, un servizo de atención e apoio a vítimas de violencias de xénero ou sexuais. En Gondomar non existen dispositivos xudiciais de control telemático Cometa para agresores neste momento.
O subdelegado do Goberno subliñou a importancia dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, dos que Gondomar recibiu 6.179 euros en 2024, acumulando un total de 45.500 euros das distintas convocatorias. Ademais, avanzouse que a Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra organizará xornadas formativas en colaboración co Servizo Público de Estranxería e tamén dende o Servizo de Emprego Estatal (SEPE), así como sobre boas prácticas no uso dos fondos do Pacto de Estado.
Abel Losada valorou moi positivamente a decisión de Gondomar de sumarse ao sistema VioGén, destacando que é “un paso natural que vén reforzar o excelente traballo que xa realiza o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello, que o pasado ano atendeu 47 consultas, levando a cabo unha labor fundamental de apoio ás vítimas”.
Descenso das infraccións penais
Durante a xuntanza, analizáronse tamén os datos de criminalidade no municipio. O número de infraccións penais baixou de 445 a 421 en 2024, cunha taxa de criminalidade de 28 por cada 1.000 habitantes e, polo tanto, moi por debaixo da media provincial e nacional.
Abordáronse tamén os episodios de roubos en vivendas, con 11 casos rexistrados en 2024, un menos que o ano anterior. A Garda Civil indicou que en decembro houbo unha serie de catro roubos nunha mesma urbanización e nunha soa noite, un caso excepcional atribuído a unha banda itinerante. Ademais, os roubos con forza en vivendas en Gondomar son excepcionais e están moi por debaixo doutros municipios equivalentes, subliñaron os mandos da Garda Civil.
No ámbito da seguridade viaria destacouse o traballo da Policía Local de Gondomar, que ao longo do pasado ano activou operativos de alcoholemia detectando 40 positivos e tramitando 5 denuncias contra a seguridade cidadá. O alcalde de Gondomar anunciou que se adquirirá equipamento para a detección de drogas e que se reforzará a colaboración coa Garda Civil en materia de seguridade viaria, lembrando que a Policía Local de Gondomar participou nos cursos de formación da Garda Civil sobre a detección de sustancias ao volante.
Finalmente deuse conta do Plan Director para a convivencia nos centros educativos, con 11 sesións formativas impartidas en 2024 que contaron coa participación de 328 alumnos/as, 23 docentes e 23 pais e nais, abordando cuestións como o acoso escolar e a ciberseguridade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario