11 de feb. de 2025

GALICIA

Rueda enxalza a excelencia dos centros da rede CIGUS que suman 1.600 investigadores e captaron 180 M€ para Galicia  

  O titular da Xunta de Galicia participa en Santiago nun acto de recoñecemento aos 10 centros que integran esta superestrutura

  Agradeceu o seu labor á hora de construír “unha Galicia potente e de calidade”


O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no acto de entrega de recoñecementos aos 10 centros das tres universidades galegas que conforman a Rede CIGUS, promovida polo Executivo autonómico
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da Rede CIGUS -da que forman parte 1.600 investigadores- como referente da excelencia científica en Galicia e agradeceu a súa contribución a construír “unha Galicia potente e de calidade” que é “punteira” e referente no I+D+i.  

 Así se referiu durante o acto de entrega de recoñecementos aos 10 centros das tres universidades galegas que conforman esta superestrutura promovida polo Executivo autonómico, no cal puxo en valor o seu papel clave na conexión entre a investigación e o tecido produtivo, permitindo transformar coñecemento en progreso. “Un país sen ciencia é un país sen futuro”, resaltou. Neste sentido, Rueda subliñou que a Rede CIGUS, que constitúe un modelo único en España e está cofinanciada no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, representa o mellor da ciencia feita en Galicia, baseada na excelencia, na colaboración e no impacto real sobre a sociedade e a economía.  

 A rede conta con 1.600 investigadores e logrou captar máis de 180 millóns de euros en proxectos competitivos nos últimos catro anos. Isto supón un notable retorno económico nunha rede á que a Xunta leva destinados preto de 68 millóns. De feito, na convocatoria actual -na que oito centros renovan a súa acreditación e dous se incorporan- increméntase un 31% a achega do Executivo autonómico.  

 Ademais, a comunidade ten realizados grandes avances neste eido, o que permiten que Galicia sexa líder en investimento en I+D+i, cun crecemento do 28%, e que case 14.000 persoas desenvolven actividades vencelladas á investigación, gran parte delas nas universidades galegas.  

Compromiso coa investigación galega 

 Alfonso Rueda reafirmou o compromiso da Xunta coa transferencia de coñecemento e co impacto da ciencia na economía e no emprego, facendo fincapé na importancia de conectar os centros de investigación co tecido produtivo. “Este é un traballo de todos”, indicou para asegurar que o obxectivo do Goberno autonómico é “reter o talento que hai en Galicia” e promover que a comunidade sexa un lugar “atractivo para que investigadores de primeiro nivel mundial” poidan realizar o seu traballo.  

 Ademais, destacou a aprobación -a semana pasada no Consello da Xunta- do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, que conta cun orzamento total de 1.310 M€. Este plan incluirá a creación dunha fundación específica para a tracción de talento internacional. Súmase a outras iniciativas como Oportunius ou o programa de apoio á carreira científica, que nestes momentos ten abertas catro convocatorias de axuda  dotadas con 61 M€ entre contratos predoutorais (12,3M€), dous contratos posdoutorais (19,6M€) e os grupos de investigación máis competitivos (29,1M€).  

Centros acreditados pola súa calidade 

 Os centros de investigación que forman parte da Rede CIGUS son cinco pola Universidade de Santiago de Compostela, tres pola Universidade de Vigo e dous pola Universidade da Coruña. En concreto, pola Universidade de Santiago de Compostela son o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías  de Telecomunicación (AtlanTTic), o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e o Centro de Investigación Mariña(CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).

Ningún comentario:

Publicar un comentario