18 de feb. de 2025

ECONOMÍA

Balance de comercio exterior   

Abel Losada destaca o récord de 7.022 millóns de saldo comercial da provincia de Pontevedra, a primeira de España 

O subdelegado visita as oficinas de Comercio Exterior e repasa os datos que revelan que as exportacións creceron un 4% o ano pasado, situando a Pontevedra no cuarto posto do ránking español 

A automoción e a pesca, principais impulsores do músculo exportador da provincia 

A provincia mantén tamén un saldo positivo con Estados Unidos de 333 millóns de euros anuais, marcando tamén un máximo na serie histórica  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou hoxe o servizo provincial de Comercio Exterior
Foto: S. do G.

Infogauda / Vigo 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou hoxe o servizo provincial de Comercio Exterior, que se reparte entre as oficinas administrativas da rúa Colón de Vigo e as dependencias do Servizo Oficial de Inspección, Vixilancia e Regulación das Exportacións (Soivre) situadas na Estación Marítima da cidade Olívica. Alí analizou os datos de exportacións da provincia en 2024, que confirman que Pontevedra acadou un saldo comercial positivo de 7.022,5 millóns de euros, converténdose por segundo ano consecutivo na provincia con mellor balance comercial de España. Losada explicou que Pontevedra repite liderado por segundo ano consecutivo, tras obter o 9º posto en 2022 e o 17º en 2021 e 2020. 

 Xunto coa directora provincial de Comercio Exterior, Patricia Pérez, Losada destacou a que a provincia está á cabeza de Galicia e mantense entre as primeiras provincias exportadoras de España. Este resultado histórico, afirmou, “reforza a posición da provincia como un dos motores económicos do país, especialmente grazas á súa capacidade exportadora en sectores como a automoción e a pesca, que seguen impulsando o crecemento económico e industrial”. 

 Así, as exportacións de Pontevedra alcanzaron máximos históricos con 15.280,3 millóns de euros en 2024, o que supón un incremento do 4% respecto ao ano anterior. Este crecemento é superior á media galega (+3,3%) e tamén está moi por enriba do aumento a nivel estatal (+0,2%), situando á provincia como a cuarta maior exportadora de España, só por detrás de Barcelona, Madrid e Valencia. 

 Por grandes capítulos o sector automóbil representou o 41,7 % das exportacións, seguido dos bens de equipo (25,1%) e alimentación, bebidas e tabaco (15,1%). Así, Pontevedra bateu o seu récord de exportacións de automóbiles, con 5.514,6 millóns de euros. Só en 2021 se conseguira superar o limiar de 5.000 millóns de euros. Os automóbiles e motos supuxeron o 36,1% das exportacións totais, e creceron un 14,8% respecto ao ano anterior. Os vehículos de transporte de mercadorías por estrada (2.338,8 millóns de euros) tiveron unha cota do 15,3%, aínda que cun descenso interanual do 13,7%. Os produtos pesqueiros -con 1.733 millóns de euros- supuxeron o 11,3% das  exportacións cunha taxa de variación anual do -2,9%.  

 O subdelegado do Goberno destacou que Pontevedra segue a consolidarse como un polo industrial fundamental para a produción e exportación de automóbiles e vehículos comerciais, con empresas altamente competitivas nos mercados internacionais. “O sector da automoción non só reforza as exportacións, senón que tamén xera miles de postos de traballo directos e indirectos, dinamizando a economía da provincia. As empresas souberon adaptarse ás novas demandas internacionais, apostando pola innovación e a sostibilidade", subliñou Losada.  

 Doutra banda, os produtos pesqueiros continúan sendo un dos piares da economía pontevedresa, con 1.733 millóns de euros en exportacións, o 11,3% do total. Aínda que o sector experimentou unha leve caída do -2,9% respecto ao ano anterior, mantense como unha das grandes fortalezas comerciais da provincia.  

Comercio con Estados Unidos en máximo histórico 

 Outro dato destacado é a evolución do comercio con Estados Unidos, un dos principais socios comerciais da provincia. En 2024, Pontevedra alcanzou un saldo positivo de 333 millóns de euros, o mellor da serie histórica, grazas a un incremento do 44,5% nas exportacións cara este país. O que máis exporta Pontevedra a EE.UU son buques (23,1% e 84,9 millóns), compoñentes do automóbil (14,4% e 53 millóns) e produtos pesqueiros e do mar (13,5% e 49,5 millóns). Tamén destacan medicamentos, produtos químicos e materias primas animais e vexetais entro moitos outros produtos e mercadorías.  

 Para o subdelegado o crecemento das exportacións a EE.UU demostra a capacidade das empresas pontevedresas para diversificar mercados e consolidar relacións comerciais con economías clave a nivel global. Non entanto, Abel Losada advertiu de que a política de aranceis de Donald Trump representa un reto para as exportacións pontevedresas e galegas a EE.UU. ao afectar a sectores estratéxicos como a pesca e a automoción. 

 Mais aló de Estados Unidos, os principais destinos das exportacións pontevedresas foron en 2024 Francia (17,2%), Portugal (14,5%) e Italia (11%). O comercio con Italia creceu un 24,2% e o de Portugal un 1,7%, mentres que Francia mantivo cifras similares a 2023. 

 O subdelegado do Goberno puxo en valor a importancia de manter e reforzar este modelo exportador de éxito, asegurando que “estes datos demostran a capacidade da industria pontevedresa para competir nos mercados internacionais e seguir xerando riqueza e emprego”. “Grazas ao esforzo das empresas, acadamos un ano de récord que sitúa Pontevedra como referente do comercio exterior en España”, destacou Losada, ao tempo que reafirmou o compromiso do Goberno de España en seguir apoiando o tecido empresarial e o impulso ao comercio exterior como sucede coas axudas para fortalecer a competitividade do sector industrial dos diferentes PERTE.

Ningún comentario:

Publicar un comentario