BALONMÁN FEMININO
Cristina Cifuentes xogará unha cuarta tempada no Mecalia Atlético Guardés
• A valisoletana é o primeiro nome desvelado para o proxecto do club o próximo curso 2025/2026
• Será a cuarta tempada da pivote no Mecalia Atlético Guardés, dende que chegou en 2022 procedente do Aula Valladolid, seu club de toda la vida
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés desvela a primeira peza do seu proxecto para o próximo curso. A pivote Cristina Cifuentes renovou o seu contrato co club e xogará entre 2025 e 2026 a súa cuarta tempada na Guarda.
A xogadora pucelana de 31 anos é unha das máis veteranas no plantel guardés, e nas súas tres tempadas co equipo amosou unha capacidade de adaptación e unha infalibilidade no 40x20 polos que o Mecalia Atlético Guardés quere continuar apostando. Dende que comezou esta tempada a finais de agosto de 2024, Cifuentes acumula un total de 34 goles, xogando un papel fundamental no extraordinario desempeño do equipo. Ademais, nos últimos partidos destacou especialmente pola súa efectividade dende a liña de sete metros, cun abraiante 89% de acerto neste tipo de lanzamentos.
O Mecalia Atlético Guardés ve na pivote un elemento determinante nos seus resultados deste curso e quere seguir vivindo máis éxitos da súa man no futuro. En 2022, o equipo da Sangriña foi o primeiro destino escollido por Cristina fóra do Aula Valladolid, o seu club de toda a vida. Dende entón ambos mantiveron unha relación máis que satisfactoria e por todo isto a valisoletana decidiu ampliar o seu futuro na Guarda un ano máis.
Despois de anunciar a desvinculación de Míriam Sempere para a vindeira tempada, Cristina Cifuentes é o primeiro nome confirmado para o Guardés en 2025/2026. Nas vindeiras semanas o equipo irá anunciando ás xogadoras que a acompañarán vestindo a camiseta branquivermella o ano que vén.
Cristina Cifuentes: “Síntome coma na casa. Oxalá que me queden moitos anos de balonmán”
A xogadora do Mecalia Atlético Guardés, Cristina Cifuentes, declarou que se sinte “moi feliz” de anunciar a súa renovación por unha cuarta tempada co club. “Síntome coma na casa, estou moi a gusto coa xente, coa vila, co Club e co equipo”, indica a valisoletana, que atopou unha segunda casa no Mecalia Atlético Guardés tras abandonar Valladolid despois de 17 anos no equipo da súa terra. Outro dos alicientes para seguir no equipo da Sangriña é o seu papel como adestradora na base do club, “un plus máis” á hora de tomar esta decisión.
A pivote indica que se sentiu moi motivada polos resultados desta tempada. “A pesares das dificultades que temos, estamos aí e estámolo dando todo”, explica, e vai máis alá: “Oxalá que poidamos rematar a tempada cun título, para a nosa propia satisfacción e para poder darlle unha alegría a todo o pobo da Guarda”.
Se os seus desexos cómprense, e o Mecalia Atlético Guardés consegue erguerse campión da Liga Guerreras Iberdrola ou da Copa da Raíña en 2025, Cifuentes considera que o equipo poderá “afrontar a vindeira tempada con outros obxectivos”. Para iso, a valisoletana manifesta que “oxalá poida quedar a maior parte do plantel, para non ter que comezar de cero”.
Polo demais, Cristina ten as súas intencións moi claras para o futuro: “Seguir dando alegrías á afección e nós mesmas atoparnos moi a gusto no xogo. Oxalá que me queden moitos anos de balonmán, moitos anos de seguir dando espectáculo”, conclúe a primeira xogadora do Guardés 2025/2026, que insiste en que non pode estar máis “feliz de estar na miña casa”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario