BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés recibe ao La Rioja na Sangriña
• Este sábado, día 1 de marzo, ás 17:00 horas ao Grafometal La Rioja, rival da parte baixa da táboa, en busca da que sería a súa duodécima vitoria consecutiva
• As de Ana Seabra buscarán dous puntos cruciais para manter a súa vantaxe dende o liderado a falta de sete xornadas máis para o final da liga regular
• Continúa as baixas habituais de Elena Martínez e Ania Ramos, e é dúbida María Palomo
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés recibe esta fin de semana a un rival da parte baixa da táboa. Este sábado, día 1 de marzo, ás 17:00 horas, no pavillón municipal A Sangriña, as de Ana Cristina Teixeira Seabra xogarán contra Grafometal La Rioja, o partido de décimo novena xornada da Liga Guerreras Iberdrola, buscando ampliar a súa serie de once vitorias consecutivas contra o undécimo clasificado. Ás baixas habituais de Elena Martínez e Ania Ramos súmase a dúbida de María Palomo, que está a recuperarse dunha enfermidade común, e o equipo esperará ata o mesmo sábado para confirmar se pode xogar ou non.
O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro tralo xute de autoestima que supuxo gañar ao KH-7 BM Granollers na súa propia pista a pasada semana. O pasado sábado, o Palau d’Esports da cidade catalá recibiu unha vitoria a domicilio das da Sangriña (25-31), algo que non acontecía dende o ano 2018, e que puido ser grazas a un xogo brillante das de Ana Seabra durante practicamente todo o encontro. Este sábado, o Mecalia Atlético Guardés buscará repetir o seu impecable desempeño coa axuda da súa afección na casa, en busca de dous puntos importantes para manter a súa vantaxe dende o liderado a falta de sete partidos máis para finalizar a liga regular.
En canto á convocatoria, porén, é posible que o plantel branquivermello teña que sobrepoñerse a unha nova ausencia. Elena Martínez e Ania Ramos continúan inmersas nas súas recuperacións, aínda sen demasiadas novas sobre os avances desta última, pero o Mecalia Atlético Guardés está á espera de saber se terá que sumar unha máis a estas dúas baixas habituais. A pivote María Palomo atópase estes días superando unha enfermidade común que lle impediu adestrar esta semana, polo que non é seguro ao 100% que vaia poder xogar contra La Rioja este sábado. En caso de confirmarse a súa ausencia, Ana Cristina Teixeira Seabra terá que aviarse para manter o ritmo con tan só 12 xogadoras. Unha inferioridade de efectivos que será crucial para o desenvolvemento do partido, sen dúbida, pero que tampouco impediu noutras ocasións desta tempada que os dous puntos quedasen na Sangriña.
Pola súa parte, non cabe dúbida de que o rival logroñés irá ao encontro coa mesma fame de vitoria. O Grafometal La Rioja chega este sábado como undécimo clasificado da categoría, cun total de cinco vitorias, un empate e 12 derrotas. As de Juanjo González non asinan un triunfo dende o pasado 11 de xaneiro, na casa do Replasa Beti-Onak e hai xa sete xornadas, se ben quedaron moi preto de facelo en varias ocasións dende entón. Despois de algúns partidos perdendo por distancias mínimas, como sucedeu a pasada semana en Logroño contra Elda, as rioxanas non desistirán na súa busca de dous novos puntos que poderían ser chaves para a súa permanencia na División de Honra, xusto antes dunha serie de tres partidos consecutivos fronte aos seus rivais directos na parte baixa da táboa.
Polo demais, no Mecalia Atlético Guardés aínda lembran a dureza da súa visita a Logroño, no partido de sexta xornada ligueira do pasado mes de outubro. As de Ana Cristina Teixeira Seabra atopáronse no Palacio de Deportes da Rioxa a un Grafometal crecido como anfitrión, que puido dominar por completo o encontro na primeira parte e mesmo fixo sufrir ás galegas cara aos derradeiros minutos, antes de que finalmente colleitasen aquela sexta vitoria da tempada (21-23). Con todo, esta vez será anfitrión o Mecalia Atlético Guardés, unha condición que está a ter un peso significativo na súa carreira este ano. O calor do Inferno será crucial para rematar este sábado de Entroido con dous novos puntos para o líder.
Ana Cristina Teixeira Seabra: “É un equipo que nos deu moitos problemas en Logroño, así que non podemos relaxarnos”
A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, repite o seu mantra habitual á hora de enfocar os partidos ante rivais da parte baixa da táboa. A técnica considera que La Rioja “tivo os seus altos e os seus baixos, pero como todo equipo quere puntuar onde sexa”, e por iso indica que “será importante facer os deberes e respectar a un rival que ten ganas de volver á senda do triunfo”.
Por último, Seabra tamén garda un recordo moi lúcido do partido no feudo rioxano, onde admite que o Grafometal “deunos moitos problemas”. “Somos conscientes de que non podemos relaxarnos”, conclúe a preparadora do Guardés.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 19
Mecalia Atlético Guardés - Grafometal La Rioja
Sábado, 1 de marzo, ás 17:00 horas, no Pavillón da Sangriña
Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardés: https://www.youtube.com/live/kk_I9V37uOg
BINGO NO PAVILLÓN MUNICIPAL A SANGRIÑA
Sábado, 1 de marzo, ás 22:00 horas
Ningún comentario:
Publicar un comentario