25 de feb. de 2025

DEPORTES

A Eurocidade BTT agarda reunir a 1.200 participantes o domingo 9 de marzo

  As inscricións pecharanse este domingo en biciosos.gal 


O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; xunto ao concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa; o vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez; o presidente da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernández; e o membro do club Manuel Bugallo, presentaron esta mañá a proba
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O domingo, 9 de marzo, a XII Eurocidade BTT agarda reunir a 1.200 participantes, o máximo establecido pola organización, nunha proba xa consolidada no calendario deportivo anual da Eurocidade Tui-Valença.  

 A inscrición pechará este domingo, 2 de marzo. A día de hoxe son xa 900 persoas as que formalizaron a súa participación nunha proba que reúne a afeccionados da BTT tanto de Galicia, coma doutros puntos de España e tamén de Portugal.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; xunto ao concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa; o vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez; o presidente da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernández; e o membro do club Manuel Bugallo, presentaron esta mañá a proba no novo espazo sociocultural de Tui.  

 Na súa intervención, Enrique Cabaleiro  destacaba que “estamos ante unha proba realmente excepcional, polo altísimo número de participantes, máis de mil persoas, o que que converte a Eurocidade BTT nunha das probas máis importantes do ciclismo nesta categoría en Galicia”. Ao que engadía que se trata dun evento “que fomenta a práctica deportiva e por tanto un hábito saudable” e porque “pon en valor todo aquelo que nos define e nos singulariza coma o noso patrimonio histórico e natural” e tamén a dimensión da dinamización económica, afirmaba.  

 O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez,  destacou que esta “é a proba raíña da Eurocidade” polo número de participantes que se acadan. Salientou a súa importancia tanto  nivel deportivo coma turístico. No mesmo senso pronunciouse o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, ao destacar que esta proba “é unha icona no calendario deportivo da Eurocidade” que amosa “o noso patrimonio”“que cada vez é máis un reflexo da nosa Eurocidade”.  

 Óscar Sánchez, vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo, convidaba a anotarse a esta proba deportiva polas súas características e felicitaba á organización e a Eurocidade polo apoio brindado.  

 O presidente da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernández, explicaba o percorrido a realizar dende a saída  ás 9 h ES a carón das piscinas municipais de Valença, tras un pequeno circuíto urbano subir ao Monte Faro, a fortaleza de Valença, cruzar a vella ponte internacional pola beira do Miño ate a ponte peonil sobre o desembocadura do Louro, continuar até Ribadelouro e logo subir ao Parque Natural Monte Aloia. No quilómetro 32 situarase o avituallamento para afrontar unha baixada de 10 quilómetros con trialeiras e alternativas, até Frinxo, a Macoca e regresar até a Ponte Internacional. Aí aqueles que cheguen antes das 12.30 h ES a este punto poderán elixir entre a ruta curta ou a longa. Aqueles que opten pola ruta longa poderán gozar dun circuíto inédito con ramplas curtas pero duras até o Mosteiro de San Fins, cun novo avituallamento, para continuar até o Monte Faro, e baixar por Taiao e Gandra, até a ecopista, e subir até a meta situada na fortaleza de Valença.    

 Toda a información da XII Eurocidade BTT está dispoñible en biciosos.gal onde se poden realizar tamén as inscricións até este domingo 2 de marzo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario