“CARRERO TRATA DE DESVIAR A ATENCIÓN DO PUNTO LIMPO EN VEZ DE ASUMIR AS SÚAS RESPONSABILIDADES”
Bea Lomba (BNG): “Non decatarse, cando menos, de que no proxecto aparece que A Gándara limita con Oia, fainos dubidar de que o alcalde e o seu equipo leran o proxecto”
Infogauda / A Guarda
“O BNG puxo en coñecemento da cidadanía a paralización do novo punto limpo da Guarda por irregularidades na súa tramitación. O alcalde da Guarda, Roberto [José Álvarez] Carrero, que sería o que tería que dar a coñecer estes feitos, viuse na obriga a saír agora aos medios de comunicación despois da denuncia do BNG, non para asumir as súas responsabilidades senón para desviar a atención sobre o asunto”, afirma Beatriz Lomba Rodríguez (Bea).
A responsábel local do BNG, Bea Lomba, manifesta que “todo o procedemento está cheo de irregularidades. No proxecto aparece varias veces que a finca do Viso na Gándara, onde se pretendía ubicar o punto limpo, limita co Concello de Oia. Que non se corrixira tal despropósito, fainos dubidar de que o alcalde e o grupo de goberno se molestaran en ler o documento”.
A nacionalista continuou argumentando “o nivel de incompetencia do alcalde e do PP acada cotas pouco imaxinábeis e de paso demóstranos o nulo interese que teñen no polígono empresarial. Nin se molestaron en coñecer a súa ubicación, xa que o proxecto do punto limpo está no ámbito desta importante infraestrutura para A Guarda e O Rosal.”
Bea Lomba acabou concluíndo “sen descartar as responsabilidades que poida ter o equipo técnico, o problema que temos é infinitamente superior. O Concello da Guarda, nas mans de Carrero, é un barco a deriva sen ninguén ao timón”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario