"NON SOMOS NÚMEROS"
UNHA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA PARA DAR VOZ ÁS VÍTIMAS DA VIOLENCIA DE XÉNERO
FEMUPO / ESMAR / Vigo
A Federación Pola Igualdade das Mulleres de Pontevedra (FEMUPO), en colaboración con a asociación ESMAR Violencia e Afundación, presenta a exposición fotográfica "Non Somos Números", un proxecto impactante e necesario que pon o foco na realidade crúa da violencia de xénero a través das imaxes do fotógrafo Berto Medrano. A inauguración terá lugar o próximo 5 de febreiro ás 19:00h na Sala de Exposicións II da Sede Afundación Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 18). A exposición poderá visitarse ata o 1 de marzo de 2025.
Esta mostra fotográfica vai máis aló da denuncia: dálles voz ás vítimas e busca romper co silencio que tantas veces rodea estas situacións. As fotografías, recreadas polas súas propias protagonistas ou por persoas que dan testemuño no seu nome, representan escenas reais de violencia de xénero que moitas mulleres viviron e seguen vivindo cada día. Son imaxes duras, pero necesarias para espertar conciencias e reclamar o compromiso da sociedade ante esta lacra.
Segundo explica o fotógrafo Berto Medrano, o proxecto naceu no 2018 tras escoitar unha noticia que falaba da vítima 955 da violencia machista en España. "Pensei, como que 'a 955'? Asesinárona. Esa muller tiña nome, unha familia, unha historia. Se seguimos tratando as vítimas como meros números, nunca avanzaremos", explica Medrano. A partir de entón, decidiu impulsar este proxecto que non ten unha data de finalización, pois seguirá sumando historias mentres a violencia de xénero continúe presente na sociedade.
Unha exposición que interpela á sociedade
A valentía destas mulleres ao revivir a súa dor co obxectivo de sensibilizar e loitar contra a indiferencia interpélanos como sociedade. Se elas poden afrontar a súa propia historia, quen somos nós para silencialas ou mirar para outro lado?
Cada fotografía é un berro de resistencia, unha testemuña que nos lembra que detrás de cada estatística hai unha persoa, unha vida truncada pola violencia. O obxectivo desta exposición é concienciar, fomentar a reflexión e asumir a responsabilidade colectiva que temos como sociedade para erradicar esta problemática.
Información da exposición
• Inauguración: 5 de febreiro ás 19:00h
• Exposición: do 5 de febreiro ao 1 de marzo de 2025
• Lugar: Sala de Exposicións II, Sede Afundación Vigo (Rúa Velázquez Moreno 18)
• Horario: de luns a sábado de 17:30h a 20:30h. Domingos e festivos pechado.
Sobre FEMUPO
A Federación Pola Igualdade das Mulleres de Pontevedra traballa activamente na promoción da igualdade de xénero e na loita contra a violencia machista a través de programas, actividades e proxectos que buscan mellorar a vida das mulleres na provincia.
Sobre ESMAR Violencia
A asociación ESMAR Violencia é un colectivo que traballa no acompañamento ás vítimas de violencia de xénero e na sensibilización social a través de accións de visibilización e apoio.
SUMÉMONOS A ESTA LOITA! UN FUTURO SEN VÍTIMAS É POSIBLE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario