29 de xan. de 2025

VIGO

O Consorcio Casco Vello (CCVV) avanza na “emblemática” obra da rúa Hortas e saca a concurso público un novo local comercial 

• A delegada territorial da Xunta de Galicia e máxima responsable do CCVV, Ana Ortiz, presidiu o consello de administración do organismo autónomo 


A delegada territorial da Xunta en Vigo e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, no Casco Vello de Vigo, diante dun inmoble que está sendo rehabilitado
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 A delegada territorial da Xunta en Vigo e máxima responsable do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, presidiu este mércores o consello de administración do organismo autónomo no que se aprobou a apertura do concurso público para o alugueiro do local comercial do edificio de Elduayen 31, cuxas vivendas foron adxudicadas o pasado mes de novembro.  

 A representante autonómica sinalou que o baixo, que conta con 106,95 metros cadrados con fachada cara a rúa Elduayen e un valor de tasación de 149.000 euros, terá un coste mensual de 374 euros. O CCVV aprobou o concurso, que se publicará no Diario Oficial de Galicia para dar un prazo de 30 días naturais a todos aqueles intereseados en presentar a súa proposta. 

 “Xa contamos cun total de 36 locais reformados para continuar coa rehabilitación do barrio e para dinamizar a zona e fomentar o comercio de proximidade e agora incorporaremos a un novo emprendedor a unha zona que xa conta cunha grande actividade e con todo tipo de negocios”, sinalou.  

 Actualmente existen 29 locais con actividade empresarial, desde artesanos a autónomos, profesionais liberais, editorais e colectivos culturais. Outros seis locais reformados polo CCVV pertencen a asociacións empresariais e a opcións de compra exercidas polo inquilino, ademais do Rexistro Civil adquirido pola Consellería de Presidencia.  

 O Consorcio xa levara a cabo en xuño de 2022 o concurso de alugueiro dos vinte locais con prezos que ían dos 70 euros (rúa San Sebastián, 8) o máis barato ata os 255 euros o máis caro (Subida á Costa, 5). Catro dos baixos comerciais concentraron a maioría do centenar de ofertas e recibiron un total de 44 propostas.  

Avances en Hortas-San Sebastián 

 Ademais, Ana Ortiz informou do avance nas obras de reforma do edificio situado entre as rúas Hortas e San Sebastián. “Moi pronto contaremos cun edificio emblemático do Casco Vello pola súa situación, baixo o castelo de San Sebastián, e polas súas dimensións”, sinalou. O proxecto, que se licitou por un importe de 716.241,25 euros (IVE incluído), adxudicouse por 650.000 euros á empresa Castroferro. Cun prazo de execución de doce meses, a parcela ten unha superficie de 180 metros cadrados e a compra do inmoble supuxo outros 188.000 euros.  

 Ortiz destacou que o Consorcio Casco Vello retomou a actividade rehabilitadora  unha vez o Concello de Vigo desbloqueou o Plan de Actuación, Investimentos e Financiamento (PAIF) que tiña paralizado desde hai dous anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario