A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo convoca unha manifestación
• Para o xoves, 16 de xaneiro de 2025, ás 19:00 desde a praza dos cabalos de Vigo até o cruce da rúa Urzaiz con Colón
Na maña de hoxe, a Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo mantivo unha rolda de prensa, cuxo obxectivo é trasladar aos medios de comunicación e a través deles ao conxunto da cidadanía a decisión da Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo de convocar unha MANIFESTACIÓN o xoves, 16 de xaneiro de 2025, ás 19:00 desde a praza dos cabalos de Vigo até o cruce da rúa Urzaiz con Colón.
A convocatoria da Manifestación, co lema “RECONSTRUÍR A ÁREA SANITARIA DE VIGO”, ten como obxectivo reclamar as responsabilidades políticas polas condicións da licitación e construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, e defender as medidas necesarias para reconstruír a nosa área sanitaria e dotala dos recursos humanos e materiais necesarios para conseguir unha asistencia sanitaria 100% pública e de calidade.
O informe do Consello de Contas confirma as denuncias que a Plataforma leva facendo desde que se confirmou este modelo de licitación e cuestiona a legalidade de determinados aspectos da licitación polo que exiximos responsabilidades políticas por ter utilizado este procedemento de licitación e o cese inmediato das persoas responsables que continúen ocupando cargos de designación política na Administración ou os seus organismos, axencias ou empresas públicas.
• Facer que o conxunto da cidadanía pague 470.469.422 euros de máis á sociedade concesionaria non pode quedar impune.
• Facer un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da nosa Área Sanitaria, non pode quedar impune.
• Manter, e incluso aumentar, o negocio da sanidade privada na nosa Área sanitaria non pode quedar impune.
As consecuencias para a cidadanía deste procedemento de licitación.
Coa construción do Hospital Álvaro Cunqueiro non se lograron acadar completamente os obxectivos fixados polo Plan funcional inicial, nin construción das estruturas necesarias de Atención hospitalaria, para poder atender ao 100% da cidadanía (de 2.000 camas hospitalarias a un máximo de 1.366), nin no reforzamento da Atención Primaria (as consecuencias sufrímolas todos os días), nin na diminución do peso da sanidade privada.
A cidadanía sabe moi ben cales son as consecuencias:
• Listas de agarda para consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas.
• Servizos Hospitalarios sen o cadro de persoal e espazos suficientes para dar resposta ás necesidades da cidadanía.
• Carteira de servizos incompleta para manter o negocio da sanidade privada.
• Saturación no servizo de urxencias en relación a un deseño insuficiente e a unha Atención Primaria debilitada.
• Listas de agarda en Atención Primaria que superan en moitos casos os 10 ou 15 días, e moitas persoas sen profesional da medicina de familia ou da pediatría que poida atendelos.
• Sobrecarga de profesionais de enfermería, insuficientes para dar resposta á cronicidade e a dependencia con retraso no seguimento de patoloxías crónicas e dificultade para garantir atención de calidade a persoas dependentes.
• Dificultade para acceder as consultas de Atención Primaria por ter persoal nas áreas administrativas insuficiente.
• Poboación da nosa Área Sanitaria sendo atendida en POVISA, cun concerto económico sen transparencia, e sen alternativa pública neste momento, para poder reverter esta situación.
E mentres todo isto pasa, os cartos públicos seguen a encher as carteiras dos accionistas dos fondos de investimento que son propietarios do Hospital Álvaro Cunqueiro.
As medidas a tomar para reverter estas consecuencias.
A primeira medida que exixe a Plataforma é que se tome a decisión política (igual que foi unha decisión política o modelo de licitación) de reverter a concesión do Novo Hospital e recatar a concesión para o ámbito do Público.
As seguintes medidas intentan restaurar o que o propio Consello de Contas constata que non se fixo, e que é a causa principal das consecuencias recollidas no punto anterior.
• A ampliación do Hospital Álvaro Cunqueiro co que non se construíu no proxecto funcional do Novo Hospital de Vigo, de 1.265 camas, para dar cabida a poboación de referencia de POVISA, ca construción dun edificio anexo as velas, na que se restitúa o que se suprimiu, tales como Coidados Mínimos con 148 Camas e 8.581m2 (que se pode ampliar a mais camas), Unidade de Docencia e Investigación con 4.744m2, Rehabilitación con 2.456 m2. Así como poñer a pleno rendemento as 422camas do Hospital Meixoeiro e o Hospital Nicolas Peña.
• Recuperación da Atención Primaria, con aumento da inversión, polo que é necesario analizar a situación de recursos, tanto humanos como estruturais, dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PACs).
• A Reordenación asistencial da área de Vigo, reivindicando un Centro de Alta Resolución (CAR) cas especialidades más demandadas pola poboación, no centro de Vigo, dado que a implantación do Álvaro Cunqueiro no extra radio da cidade, provocou un distanciamento dos recursos especializados da zona con maior poboación residente do municipio, nos espazos que quedan baleiros. Este CAR podería estar situado no antigo Centro de Especialidades da Dobrada, recuperando o seu uso asistencial.
• Creación do Servizo de cirurxía Máxilo-Facial completo e funcional e dunha Unidade de Queimados no ámbito público para garantir que a sanidade pública poda dar este servizo na nosa área sanitaria.
• Recuperar a poboación, de 300.000 usuarios de Pontevedra que tiñan a súa referencia para C. Torácica, C. Pediátrica, Hemodinámica, C. Cardíaca e Fecundación in Vitro, no H. Álvaro Cunqueiro e que levaron para a Área sanitaria de Santiago.
• Integración de toda a actividade asistencial de Galária no Sergas, que xa estaba prevista a súa integración no ano 2009, e que o PP mantén como unha empresa pública.
• Respecto o Morrazo, construír o novo Centro de Alta Resolución (CAR), na “Rúa”, para a comarca do Morrazo, onde se localice o centro de especialidades, cas especialidades mais demandadas e tamén o PAC de Atención Primaria. Xa existía un informe favorable do Sergas para esa localización.
• Ampliar o Centro de Saúde de Cangas, para elo é preciso retirar o PAC e instalalo no novo CAR que se cree na parcela de a Rúa.
• Construír un novo Centro de Saúde en O Hío que de cobertura a O Hío e Aldán, tal como estaba previsto no 2008.
• Garantir o incremento da inversión en sanidade pública na Área Sanitaria de Vigo para reforzar a Atención Hospitalaria e recuperar a Atención Primaria.
Vigo, 13 de xaneiro de 2025.
Ningún comentario:
Publicar un comentario