22 de xan. de 2025

TOMIÑO

O Concello de Tomiño promove una obradoiro de educación afectivo-sexual no IES da localidade  

 A actividade, impartida por unha consultaría especializada, está dirixida ao 2º curso da ESO do Instituto Antón Alonso Ríos 

 

Monitora e unha representación do alumnado das cinco aulas de 2º da ESO, do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, que participan no Obradoiro de Educación Afectivo-Sexual con perspectiva de xénero
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño   

 “Así si” é o nome do Obradoiro de Educación Afectivo-Sexual con perspectiva de xénero que está a levarse a cabo nas cinco aulas de 2º da ESO, do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño. Promovida pola Concellería de Igualdade do Concello de Tomiño, a actividade é o resultado dun proxecto educativo baseado no adestramento da comunicación asertiva como a primeira ferramenta que se precisa para construír relacións afectivas e sexuais sas. 

 “Con iniciativas así reforzamos o compromiso do Concello coa igualdade e coa educación da nosa mocidade, fomentando relacións baseadas no respecto mutuo e no consentimento. Este tipo de proxectos son imprescindibles para previr situacións que lamentablemente aínda existen, como a cosificación ou a hiper sexualización, ao tempo que reforzamos valores de autoestima e de valoración da diversidade, fundamentais para a formación integral do alumnado”, explica a alcaldesa, Sandra González.  

 Impartido pola consultaría especializada “Igualadas”, o obradoiro traballa a través de dinámicas de grupos, xogos e outras actividades, para achegar ás mozas e mozos os recursos básicos para detectar situacións e relación baseadas na desigualdade, ou que supoñan calquera forma de violencia. Así, dótase ao alumnado de ferramentas que favorezan a autoestima para poder rexeitar ou denunciar tales situacións e, ao mesmo tempo, fomentar o valor das diferenzas como algo que suma e que fai única a cada persoa.  

 Cun percorrido a través dos contidos que se presentan, replantéanse os estereotipos e roles de xénero tradicionais, e a cousificación e hiper sexualización dos corpos das nenas, mozas e mulleres,baseados na cultura machista, para pechar aclarando crenzas erróneas sobre a afectividade, cun especial énfase no consentimento e o respecto coma as bases de calquera relación afectiva e sexual san.  

 Identificar relacións baseadas en desigualdades e comportamentos abusivos e submisos; fomentar as relacións afectivas baseadas na igualdade e o respecto mutuo, e educar na prevención das enfermidades de transmisión sexual e dos embarazos non desexados, son outros dos obxectivos deste obradoiro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario