29 de xan. de 2025

TOMIÑO

O CRA de Tomiño cumpre 25 anos  

•  Organiza no mes de febreiro unha exposición pola paz e unhas xornadas de portas abertas 


Alumanos do Colexio Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés (CRA de Tomiño), realizando actividades con pintura
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Colexio Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés (CRA de Tomiño), ao que no ano 2009 outorgóuselle o distintivo de Centro Educativo Creativo, é un colexio público totalmente gratuíto que conta na actualidade con 13 escolas, 25 mestres e persoal coidador, e 130 nenas e nenos de entre 3 e 6 anos, organizados en grupos multinivel. O proxecto cumpre este ano o seu 25 aniversario, distinguido no só no ámbito educativo autonómico e nacional, senón tamén no internacional.  

 Para Antón de Valenzuela, director do centro dende hai 11 anos, comenta que na última década, o proxecto recibe múltiples convites para asistir a xornadas ou congresos nacionais e internacionais, por ser considerado un modelo innovador e exitoso de educación infantil;  modelo que as familias poden coñecer de preto nas Xornadas de Portas Abertas que se celebran os vindeiros martes 11 (16.00h) e mércores 12 de febreiro (10.00h).  

 Outro dos retos do CRA de Tomiño é tratar de sacar, na medida do posible, as aulas ao exterior, aproveitando ao máximo a contorna. Neste plano, inscríbense as saídas, excursións e tamén a exposición que montan cada ano pola paz, no Mercado Municipal, e que se inaugura o día 30 deste mes, e que permanecerá aberta ata o 7 de febreiro. “É unha instalación artística con telas nas que os nenos e nenas imprimen as súas pegadas, trazando un camiño que nos conduza á paz”, explica Marta Martínez, coordinadora da biblioteca e mestra.  

 O CRA tomiñés fíxose merecedor de múltiples recoñecementos; entre moitos, destacan o Premio Autonómico Innovagal, recibido en 2023 por ser o colexio máis innovador de Galicia, e o Premio Nacional CREARTE, para o fomento da creatividade no ensino infantil.  

 O día a día desenvólvese nunha contorna natural privilexiado aínda que sen renunciar por iso aos avances do Século XXI. A aprendizaxe lévase a cabo co uso de metodoloxías activas que combinan o mellor de Montessori, Reggio Emilia, Waldorf ou Aucouturier, para dar unha resposta real ás necesidades do alumnado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario