10 de xan. de 2025

TOMIÑO

Sae á rúa o primeiro calendario participativo do Concello de Tomiño   

 O almanaque xa foi repartido polas parroquias, e tamén pode recollerse, de balde, nas oficinas do Concello   


Exemplares do calendario participativo de Tomiño que pode recollerse, de balde, nas oficinas do Concello de Tomiño en horario de 09.00 a 14.00 horas
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O primeiro calendario participativo de Tomiño está xa na rúa. É o resultado do concurso de fotografía organizado pola concellería de Cultura do Concello de Tomiño, co obxectivo de recoller imaxes “coa esencia do noso concello” para confeccionar un almanaque orixinal e distribuílo entre a veciñanza no Nadal.  

 O Concello quere agradecer a participación dos seguintes fotógrafos seleccionados: Marcos Rodríguez Silva, Eugenio Corcoba Méndez, Lucas Costa Carrera, José Luis Muñiz Escobar e Antonio Cuétara Gutiérrez.  

 A idea do calendario 2025 era tamén dar a oportunidade a fotógrafos profesionais ou amadores de presentar imaxes que capturaran instantes ou peculiaridades da xente, costumes, curiosidades, actividades, festas tradicionais, paisaxes, elementos patrimoniais, etc. “O almanaque é froito dun proceso aberto a fotógrafos e fotógrafas do noso concello para que deixen a súa ollada sobre Tomiño”, explica a alcaldesa Sandra González. “Lévanos por fermosos lugares do noso territorio e foi unha iniciativa moi ben acollida”, engade a rexedora, convidando á veciñanza a recollelo de maneira gratuíta na Casa do Concello, aínda que se repartiu polas parroquias este Nadal.  

 O xurado estivo composto por persoas do goberno municipal, persoal do Concello e persoas expertas que tiveron en conta tanto a composición, como a técnica e a orixinalidade. Os traballos seleccionados pasan a formar parte do banco de imaxes do Concello de Tomiño co correspondente recoñecemento de autoría.  

 O almanaque xa foi repartido polas parroquias este Nadal pero tamén pode recollerse, de balde, nas oficinas do Concello de Tomiño en horario de 09.00 a 14.00 horas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario