A Deputación de Pontevedra e o cociñeiro con estrela Michelin, Pepe Solla alíanse para avanzar na posta en valor da marca TéAreeiro
• Solla visitou da man do deputado provincial Javier Tourís a finca da Estación Fitopatolóxica Areeiro onde tivo a oportunidade de coñecer a plantación de Camellia sinensis coa que se elabora e produce o té
O prestixioso cociñeiro visitou a finca da Estación Fitopatolóxica Areeiro da man do deputado provincial Javier Tourís onde coñeceu a plantación de Camellia sinensis coa que se elabora TéAreeiro
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra e o recoñecido cociñeiro con estrela Michelin, Pepe Solla, propietario do restaurante Solla, en Poio, alíanse para sumar esforzos e avanzar na posta en valor da marca TéAreeiro. Deste xeito, o prestixioso cociñeiro visitou a finca da Estación Fitopatolóxica Areeiro da man do deputado provincial Javier Tourís onde coñeceu a plantación de Camellia sinensis coa que se elabora TéAreeiro, un té verde cultivado e elaborado directamente na provincia de Pontevedra froito da investigación desenvolvida polo centro dependente da Deputación.
Durante a visita a Areeiro, Javier Tourís entregou a Pepe Solla, quen tamén rexenta un restaurante en Madrid (Atlántico Casa de Comidas), un conxunto de mostras de TéAreeiro, a marca propia deste produto impulsada pola Deputación de Pontevedra. “Estamos encantados de que un chef tan recoñecido como Solla queira colaborar con nós na promoción do TéAreeiro, un gran referente para esta provincia” asegurou o deputado quen adiantou que este será “un dos ingredientes na carta dos seus restaurantes” e detallou que tanto o cociñeiro como o seu equipo realizarán un curso en primavera/verán para afondar no té cen por cen provincia de Pontevedra. Ademais, Tourís informou que Solla ten previsto realizar unha plantación de TéAreeiro para poñer en valor este recurso da provincia de Pontevedra.
TéAreeiro pretende converterse na marca de referencia na produción de té feito na provincia de Pontevedra. Tamén nun indicador de calidade froito da longa investigación levada a cabo pola Estación Fitopatolóxica Areeiro, que leva máis de vinte anos seleccionando as mellores plantas de camellia sinensis para elaborar un produto de calidade. Ademais, a través da marca TéAreeiro quérese promover un modelo de produción sostible que contribúa a conservar e aumentar a biodiversidade e a fomentar o emprego no rural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario