116.740.000 euros non van chegar ás nóminas dos pensionistas da provincia
Abel Losada lamenta a agresión do PP ás persoas pensionistas, á clase traballadora e ás familias desta provincia
“Cando o PP se alía no Congreso coa ultradereita e os independentistas sofre quen máis necesita das medidas máis sociais impulsadas por este Goberno”
“A dereita pon a excusa inverosímil do Palacete do PNV, pero en realidade votou para protexer ás rendas máis altas e ás grandes empresas enerxéticas”
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, lamentou a “terrible agresión do PP ás persoas pensionistas, á clase traballadora, ás familias e aos servizos públicos da provincia de Pontevedra” ao aliarse coa ultradereira e os independentistas cataláns no Congreso para tumbar as medidas de escudo social contempladas no Decreto Ómnibus. “Custa entender que hoxe non vexamos un enorme escándalo social nas rúas, pois esta alianza vai directamente en contra dos intereses de quen máis precisa estas medidas”, sinalou. Así memso, para o subdelegado “o PP pon a excusa inverosímil do Palacete do PNV, pero en realidade votou para protexer ás rendas máis altas e ás grandes empresas enerxéticas”.
Abel Losada destacou que o voto en contra do Partido Popular, aliado con Junts e Vox, para tumbar o decreto Ómnibus no Congreso, afecta directamente a case 230.000 pensionistas da provincia de Pontevedra, que van ver recortada a súa nómina de febreiro en case 40 euros. Tendo en conta que na provincia hai 224.500 titulares de pensións contributivas e que a suba do 2,8% mensual queda anulada, o impacto vai ser dun total de 116.740.000 euros anuais que non van chagar ás nóminas dos pensionistas da provincia.
Losada explica tamén que o recorte afectará moi directamente ás familias da provincia. En primeiro lugar, ás 26.581 persoas beneficiarias nesta provincia do Ingreso Mínimo Vital, que non poderán gozar da suba prevista do 7%, pero tamén ás que estaban protexidas. Tamén ás familias beneficiarias do bono social enerxético para evitar cortes de luz e gas ou as que, a partir de agora, poderán ser desafiuzadas por non pagar a renda, a pesar de estar nunha situación vulnerable.
O subdelegado considera incomprensible que o PP teña apoiado, xunto á ultradereita e os independentistas cataláns, a caída do bono de transporte, afectando a preto de 60.000 persoas que se benefician dos bonos semestrais de Renfe nesta provincia, ou aos milleiros de usuarios de liñas de autobús interurbano e urbano, que gozaban dunha bonificación dun 25% aprobada polo Goberno.
Así mesmo, Losada lembra que o voto en contra do Partido Popular ao decreto ómnibus do Goberno frea a suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) vixente a 1.134 euros mensuais brutos en 14 pagas, afectando directamente na provincia a uns 170.000 traballadores e traballadoras.
Finalmente, o Partido Popular ten causado un perxuízo directo aos servizos públicos da provincia, tendo en conta que o decreto incluía a actualización das entregas a conta ás Comunidades Autónomas, recursos que o Estado transfire ás autonomías para financiar as súas competencias. Coa derrogación do decreto, estas actualizacións non levarán a cabo, polo que a provincia de Pontevedra perderá 250 milllóns para o financiamento de servizos públicos como a educación ou a sanidade.
“O que si queda, claro - engade Losada -, é que as persoas que perciben os salarios máis altos, a partir dos 56.000 euros anuais, van verse beneficiadas pois queda paralizado o Mecanismo de Equidade Interxeracional, deseñado como un recargo proporcional na cotización destes traballadores/as para axudar á sostibilidade do sistema de pensións. E, moi especialmente, as grandes empresas enerxéticas que ven despexada a posibilidade de que se recuperase a fiscalidade especial coas que se lles gravou temporalmente”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario