8 de xan. de 2025

NIGRÁN

Plan de Recuperación   

Abel Losada aplaude a iniciativa do Concello de Nigrán para a rehabilitación do Faro de Canido para usos sociais 

A obra supuxo un investimento de case 240.000 euros e foi financiada polo Goberno de España a través do Plan de Recuperación 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou o faro de Canido, acompañado polo alcalde Juan González, e por membros do goberno local
Fotos: S. de G.

Infogauda / Nigrán  

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou o faro de Canido, que vén de ser restaurado polo Concello de Nigrán para destinalo a usos recreativos en beneficio da veciñanza. Na visita, na que estivo acompañado polo alcalde Juan González, e por membros do goberno local, aplaudiu o talento do Concello de Nigrán e do rexedor para captar fondos europeos que permitiron a recuperación do bloque do andar baixo desta infraestrutura marítima. 

 O faro, que xa non presta servizo á navegación, foi recuperado despois dunha completa rehabilitación integral orzamentada en 237.662 euros a partir dunha subvención de 132.730 euros do Ministerio de Transportes do Plan de Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP local) encadradas dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España (PRTR). 


A sala interior rehabilitada está presidida pola decoración dun mural circular obra do artista vigués Ramón Trigo

 Dotouse dun pavimento continuo de formigón pulido sobre illante. Instaláronse tabiquerías, carpinterías interiores e exteriores e renováronse tódalas instalación interiores e exteriores. A cuberta plana tamén foi substituída por unha cuberta vexetal nun dos tramos. Así mesmo, a sala interior rehabilitada está presidida pola decoración dun mural circular obra do artista vigués Ramón Trigo.  

 A partir de agora, o Faro de Canido acollerá actividades de lecer dirixidas á veciñanza durante todo o ano. Será un espazo inclusivo e accesible para tódalas idades cunha gran sala multifuncional para acoller a maiores e mozos e tamén poderá acoller xuntanzas de asociacións e actividades como a escola de pintura. Para todo elo elaborarase un calendario, segundo explicou o alcalde. 

 Por outra banda, o subdelegado do Goberno destacou o talento do Concello de Nigrán para ter logrado da Tesourería Xeral da Seguridade Social a adscrición do inmoble do antigo centro de saúde desta localidade ao Concello con vistas á habilitación dun  centro sociocomunitario para os maiores no andar baixo e a sede de Protección Civil no primeiro andar. “Temos outros exemplos de concellos que, incomprensiblemente, buscan fomentar unha confrontación absurda coa Seguridade Social e o resultado é que non conseguen o que o Concello de Nigrán logrou en moi pouco tempo”, afirmou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario