31 de xan. de 2025

ECONOMÍA

Protestas en BorgWarner ante o incumprimento dos acordos e da normativa laboral vixente 

 O cadro de persoal da empresa de automoción con centros de traballo en Vigo, O Porriño e Nigrán reclama a readmisión dun traballador 


Concentración de persoal de BorgWarner nun dos centros de traballo desa empresa

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa de BorgWarner puxo en marcha un calendario de mobilizacións nos tres centros de traballo (Vigo, Porriño e Nigrán) ante o incumprimento sistemático por parte da dirección dos acordos alcanzados na negociación colectiva e da normativa laboral vixente e para reclamar a readmisión dun traballador temporal despedido “de xeito fraudulento”. 

 Dende a representación sindical (integrado por 10 delegados/as da CIG, 6 da UGT, 2 da CGT, 2 da USO e un de CCOO) acusa a dirección de utilizar como estratexia a demora das comisións de traballo recollidas en convenio colectivo para incumprir co acordado, “tendo o comité que recorrer asiduamente ao procedemento de mediación do AGA, até o punto de que nestes dous anos xa tivemos catro procesos”. 

 Borgwarner, que conta cun cadro de persoal de 900 persoas na empresa principal e de 120 nas subcontratas -a maior parte delas no centro tecnolóxico de Porto do Molle- aplica unha clasificación de categorías profesionais á marxe do convenio, “creando categorías e complementos de forma unilateral e con acordos en masa de carácter individual, vulnerando o dereito de negociación colectiva”. 

 E ademais, algo aínda máis grave: incumpre na súa totalidade o segundo plan de igualdade, asinado no ano 2020, mantendo e sendo partícipe deste xeito de todas aquelas situacións que son motivo de discriminación para a totalidade das persoas traballadoras da empresa, ao tempo que dilata a negociación do terceiro plan de igualdade. 

 A empresa incumpre tamén a normativa laboral en materia de contratación, no que ten que ver coa porcentaxe mínima do cadro de persoal indefinido, o que provocou o rexeitamento por parte do INSS de tres xubilacións parciais con contrato de relevo por non cumprir co 70% do persoal indefinido a pesar de ter recollido en convenio unha porcentaxe de 75%. Mais tamén na contratación de persoal temporal en contratos de duración determinada na modalidade de eventual por circunstancias da produción, como acaba de declarar o Xulgado do Social de Vigo, “que recoñece o despido improcedente dun traballador pola utilización fraudulenta da normativa laboral”. 

 O comité, “farto xa de tanto incumprimento nestas materias e outras máis e ante a deriva amosada pola dirección”, acordou por unanimidade iniciar unha batería de medidas logo de intentar dialogar coa empresa para reclamar a readmisión do traballador. “Pero a dirección anunciou recurso de suplica ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sen poñer enriba da mesa ningunha outra posibilidade”. 

 Neste senso, sinalan que a postura “intransixente” da dirección ante os incumprimentos é consecuencia do escaso custe económico que teñen para a empresa as sancións interpostas pola Inspección de Traballo e pola Seguridade Social, “así como polas indemnizacións que fixa a normativa en materia de despido, o que anima a BorgWarner a incumprir as normas e fixar condicións laborais máis precarias e lesivas”. 

 É por iso que o cadro de persoal, logo das asembleas celebradas e das concentracións realizadas o pasado luns 27 de xaneiro nas portas dos centros de traballo, está convocado a seguir incrementando as medidas de presión: cumprimento estrito da xornada laboral diaria, a non realización de horas extraordinarias e concentracións no tempo de bocadillo nas quendas de mañá e tarde diante das oficinas principais do centro de Zamáns (Vigo). As protestas comezarán o vindeiro luns 3 de febreiro e manteranse até lograr o cumprimento da normativa laboral e dos acordos acadados na negociación colectiva e a readmisión do traballador. 

 Dende o comité fan fincapé en que unha empresa coma BorgWarner, que recibe subvencións, “non pode nin debe incumprir sistematicamente a normativa laboral e os acordos firmados coa parte social”. Polo que de seguir a dirección na mesma postura anunciarán medidas máis contundentes para defender os intereses do persoal, “chegando a pedir responsabilidades pola deriva amosada nestes dous últimos anos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario