O Día da Ilustración homenaxea ao artista Xosé Vizoso
Fundación Xosé Neira Vilas / Vila de Cruces
O Día da Ilustración 2025, que se celebra o 30 de xaneiro coincidindo co nacemento de Castelao, rende homenaxe nesta edición ao noso compañeiro da Fundación e grande artista Xosé Vizoso. Natural de Mondoñedo, formouse primeiro co escultor Juan Puchades e, posteriormente, pasou a formar parte do proxecto Sargadelos, onde deixou a súa fonda impronta artística en figuras, vaixelas, tipografías, etc.
No eido do libro, deseñou cubertas e ilustrou centos de obras de autores como Neira Vilas para Ediciós do Castro -Cartas a lelo ou Chegan forasteiros- e outras editoriais como Embora - Aquel neno-. A cabeceira deste boletín, a imaxe do Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil e do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia son obra súa.
A súa relación co autor de Gres trascende o profesional, establecendo unha grande amizade que se remonta ás estadías de Pepe e Anisia no Instituto Galego de Información, convidados por Isaac Díaz Pardo, onde conviviron co artista mindoniense.
A programación de actividades ao redor desta efeméride inclúe dende mostras ata obradoiros, contacontos, espectáculos, etc. Dende o Museo Provincial de Lugo, á Biblioteca Pública de Brión, localidade na que vive, pasando polas Bibliotecas Públicas da Xunta de Galicia celebran actos ao seu redor. Podes consultar esta programación nas súas páxinas web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario