18 de xan. de 2025

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A VECIÑANZA DE CAMPOSANCOS FESTEXOU POR TODO O ALTO SÚA XXVI PALETADA LACONADA

 Cunha participación de 270 comensais






Fotos: Cedidas


Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Nunha xornada solleira, ainda que fría, como corresponde nestas datas de inverno, unha ampla representación da veciñanza de Camposancos dispúxose co mellor ánimo, a celebrar unha tradición que conxuga de xeito harmonioso os praceres lúdicos e os gustativos. Tradición que provén da celebración da festividade de san Amaro, ainda que ben puidera ser incluso moitísimo anterior. Dese xeito, a veciñanza da parroquia de Camposancos vén conmemorando ese día grande, primeiro nos fogares, no domingo máis preto do 15 de xaneiro, que é cando se conmemora o falecemento de san Amaro, e logo, secundando á convocatoria do xantar popular, en boa hora promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposanco

 Neste 2025, o día máis preto da festividade de san Amaro foi o pasado domingo, 12 de xaneiro, data na que moitas familias xuntáronse arredor dun cocido no que a paleta e o lacón adoitan ser os protagonistas do xantar. 

 En tempos antigos había en Camposancos, un dito popular que refería á tradición de "poñer á paleta do porco a desalar na pía da fonte da Poza". Tradición que incluía o costume de "arrincar á cañota", para enfiar as rosquillas e agasallar ás mozas. Son, como decimos, fermosas costumes que forman parte do patrimonio inmaterial popular das xentes de Camposancos, moitas das cales, ainda hoxe poden acreditar tamén á tradición de cantarlle ao santo abade a seguinte copla:

    Sanamaro, maro, 

 ten un asubío

 pra asubiarlle 

ás mozas do río.

 Todo iso, afortunadamente, continúa vivo nestas alturas do terceiro milenio, ainda que por moitas razóns, xa non se poña a desalar á paleta do porco na pía da fonte da Poza. Entre outros motivos, porque - ainda que tardou en chegar - desde fai uns anos, hai auga da traída en cada unha das vivendas camposinas.

 De manter á tradición - ademais de facelo no seo das familias, por iniciativa de cada unha delas -, ocúpase, con moito acerto, a xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos. E faino, organizando - mediante a Asociación Rego de Bicosán -, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e a colaboración da Comunidade de Montes de Camposancos -, a Paletada Laconada. Evento no que participan os comuneiros e súas respectivas familias, así como tamén todas aquelas persoas que así o desexaron, ata acadar nesta edición, un total de 270 persoas. Unha cifra moi importante, máxime tendo en conta que este ano a Paletada Laconada acadou súa XXVI edición. 

 Con todo, o máis importante, non é tanto o número de persoas que se xuntaron para celebrar ese encontro anual, senón o que conleva de valor humano, de amizade e de boa veciñanza. E iso, un ano máis, foi unha realidade en Camposancos. Un lugar acariñado pola natureza, ao abeiro do Trega, tendo como veciñas inmediatas as augas do Pai Miño e do oceáno Atlántico. "A Porta do Mar", como refiren moitas persoas de Camposancos que temos en estima.

 A XXVI Paletada Laconada tivo lugar no luminoso salón comedor do restaurante do Hotel El Molino, situado a carón da fermosa praia do Forte. 

 O xantar contou con saborosos productos  - paleta, lacón, chourizos, verdura, patacas, garavanzos,..., viño mencía, refrescos, sobremesas, cafés,..., -, perfectamente servidos polo persoal do devandito restaurante.

 A xornada contou tamén coa actuación do Trío Armonía, que logo da sobremesa motivou a danzar a persoas de todas as idades ata despois do solpor. 

 Previamente, arredor das 19:00 horas, foi servido un caldo e rosquillas a todas as persoas asistentes.

 Foi así, como un ano máis, a Laconada Paletada rexistrou todo un éxito, motivo polo cal, as persoas participantes expresaron seus parabens aos organizadores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario