Tomiño aprobará os Orzamentos Municipais 2025 por importe de 10,5 M€
• Os orzamentos de 2025 supoñen un incremento dun 15% con respecto aos do 2024
• O goberno de Tomiño lanza un Plan de actuación dos Consellos Parroquiais, que pretenden parroquias decididas nos órganos de participación veciñal
• Contémplase unha partida para a apertura do Espazo Isaura Gómez, un novo equipamento municipal que abrirá durante o ano 2025
Infogauda / Tomiño
Tomiño aproba en tempo e forma os seus orzamentos municipais. O Concello levará na vindeira semana, na última sesión plenaria ordinaria do ano, a aprobación por parte da Corporación Municipal da proposta de Orzamentos para o ano 2025. Estes ascenderán a case 10,5 millóns de euros e suporán un incremento dun 15% respecto aos orzamentos de 2023, e un 20% do orzamento de 2022.
“Son uns orzamentos pensados por e para as persoas, nos que destaca o importe adicado ao benestar social. Nenos, nenas e maiores están sempre presentes nas políticas deste Concello; de ahí que teñan un espazo destacado nestes orzamentos.Temos que lembrar que no SAF (Servizo de Axuda no Fogar) de Tomiño non hai lista de agarda e os maiores son atendidos nos seus domicilios de xeito inmediato e profesional para mellorar a súa vida”, destaca a alcaldesa Sandra González.
Os orzamentos de 2025 continúan a reflectir partidas para seguir mellorando o benestar social dos veciños e veciñas, pois a partida de servizos sociais supón un dos maiores gastos dos orzamentos municipais, con 1,3 millóns de euros. Dentro da partida do Servizo de Axuda no Fogar, o Concello ten que asumir con fondos propios case 400.000 euros dun servizo do que non ten competencia e que debería ser financiado pola Xunta de Galicia e polo Estado. Unha cifra á que hai que engardirlle outros 130.000 euros de transferencia á Xunta polo Centro de Día e as dúas Escolas Infantís, así como o gasto en mantemento dos centros escolares.
O Orzamento contempla tamén a apertura dun novo edificio municipal que prestará varios servizos aos veciños e veciñas, como por exemplo, a Biblioteca Municipal, o Arquivo Municipal, o Servizo de Atención Temperá, etc . O ano 2025 será o ano da apertura do Espazo Isaura Gómez e o custe anual do equipamento destas novas instalacións ascenderá a 200.000 euros. Este novo equipamento pasará a ser o primeiro de Galicia coa certificación Passivhaus, un estándar de certificación enerxética eficiente moi recoñecido en Europa.
Os novos orzamentos contemplan un aforro do gasto en enerxía eléctrica froito das políticas de eficiencia enerxética implementadas desde o goberno municipal nos últimos anos. Só no que se refire á partida da iluminación pública, contémplase unha redución de case un 30% e un aforro de 140.000 euros. Esta baixada de custes acumúlase á do ano pasado, co que en só dous anos o goberno municipal conseguiu reducilo á metade, tras controlar o prezo da enerxía cun contrato durante este ano, que estabiliza o custe, e coa implementación de varios proxectos de renovación da iluminación pública e de instalacións municipais para tecnoloxía LED.
Pola contra, na partida de xestión e tratamento de residuos prevese un incremento do custe debido ao xa coñecido “taxazo de Sogama”, que aprobou a Xunta pasando de cobrar 66€/t a 108€/t en menos de medio ano. Este incremento do custe do tratamento dos residuos por parte da Xunta, obrigará a que a partida se incremente en case un 60% e a que ascenda o custe total de recollida e tratamento dos residuos en máis de 1 millón de euros. Para o goberno municipal estos serán os últimos orzamentos que contemplen un modelo de recollida e tratamento de residuos obsoleto e centralizador afastado da realidade territorial galega, e que persigue como único obxecto o transporte de residuos para a súa queima. Segundo a alcaldesa, “o Concello de Tomiño lanzará durante o 2025 un proxecto transformador do que pretende ser referente, un novo modelo de xestión e tratamento dos residuos baseado no tratamento local, na autocompostaxe doméstica e que garanta que o concello sexa un referente ambiental cumprindo os obxectivos ambientais”.
O Capítulo de Investimentos medra case un 25% respecto ao do ano pasado, ascendendo a máis de 700.000 euros. A partida máis significativa é unha de nova creación: o Plan de actuación dos Consellos Parroquiais. Os consellos parroquiais son un mecanismo de participación veciñal, co que o goberno pretende definir actuacións nas parroquias da man do tecido asociativo das mesmas. Entre todos definiranse as prioridades das actuación. Outras partidas significativas do capitulo dos investimentos son os distintos plans municipais de atención nas parroquias, como o Plan Municipal de Obras nos Colexios, o Plan Municipal de Mellora e Reposición do Servizo de Abastecemento de Augas ou o Plan Municipal de Saneamento Individual e Comunitario. “O Concello da un paso máis na participación veciñal e na definición do que é importante para os veciños e veciñas. Os consellos de participación veciñal teñen a palabra para definir obras e priorizar investimentos”, destaca a alcaldesa.
O Capítulo de Persoal medra un 12% respecto ao do ano pasado, ascendendo a 3,2M€. Na parte de retribucións salariais dos funcionarios públicos contemplase a previsión dunha subida salarial do 2,5%, cunha reserva de crédito de case 75.000 euros (isto vén a sumarse á subida do ano pasado que foi dun 5%). Alén diso, resérvase unha cantidade de 130.000 euros para a creación e modificación de postos de traballo incluídos na RPT.
Ningún comentario:
Publicar un comentario